- A eurodeputada recolle as demandas das persoas afectadas no polígono 13 da concentración parcelaria “O Val-Meirás-Lago II”, que levan tempo pedíndolle unha solución á Xunta e non tiveron resposta
- A redistribución do terreo foi financiada nun 57,56% polo Feder pero as fincas carecen de entradas para maquinaria ou vehículos contra o lume
Santiago, 6 de xullo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante a Comisión Europea que a concentración parcelaria “O Val-Meirás-Lago II” deixa unha serie de parcelas forestais no Polígono 13 sen acceso directo. Senra presentou esta semana un escrito dirixido á CE dando conta desta información facilitada polas persoas da zona afectadas, que levan tempo reclamando unha solución e incluso presentaron unha reclamación ante a Consellería do Medio Rural da Xunta, apoiados polo Concello de Valdoviño, pero non recibiron resposta algunha. Tendo en conta que dita concentración parcelaria foi cofinanciada nun 57,56% por fondos Feader 2007-2013, Senra decidiu levar o tema á UE co fin de que o ente comunitario valore como se están a investir os fondos europeos.
No seu escritro, Senra explica que os montes quedaron sen acceso directo polo desnivel creado pola extracción de pedra na elaboración dos viais, o que infrinxe a Lei da Comunidade Autónoma de Galiza, 12/2001 de 10 de setembro, que inclúe a obrigatoriedade de “dar ás novas fincas acceso directo ás vías de comunicación, para o cal se establecerá a rede viaria necesaria”.
“As fincas están inservibles para o cultivo e mantemento, posto que carecen de entrada para maquinaria agrícola, coche contra incendios, etc, constituíndo un caldo de cultivo para posibles lumes forestais”, considera a eurodeputada.
Ante esta situación, Senra pídelle á CE que se pronuncie sobre o tema, instándoa a que á vista destes datos se interese ante as autoridades do Estado español e da Xunta para solventar esta situación. A Comisión Europea debería dar resposta a este escrito de Lídia Senra nun prazo de entre 4 e 6 semanas.