- Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), intervirá como demandante ás 16:30h en Bruxelas (Sala ASP A3E-2), arroupada pola eurodeputada Lídia Senra
- A peticionaria reclamará que se corrixan as deficiencias do sistema xudicial e que se erradique o sesgo machista
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tratará este mércores a situación de posibles irregularidades que se estarían cometendo na praxis xudicial no Estado español en casos referidos a violencia de xénero e abusos de menores. O organismo comunitario aceptou a trámite hai xusto un ano a petición promovida pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e o Grupo de Investigación Antígona, da Universidade de Barcelona, na que se queixaba da existencia no Estado español dunha praxis xudicial que non responde ao marco normativo establecido polo Parlamento Europeo en materia de protección de vítimas de violencia de xénero e vítimas menores de idade. Mañá mércores, ás 16:3o horas, está citada Estrela Gómez Viñas, en representación das peticionarias, para defender verbalmente a queixa contra o Estado español ante a Comisión de Peticións europea, en Bruxelas, na Sala ASP A3E-2.
Estrela Gómez Viñas, que é coordinadora de AGAMME, acudirá este mércores pola tarde á Comisión de Peticións arroupada pola eurodeputada galega Lídia Senra, que a acompañou en todo este proceso de demanda. Estrela Gómez aproveitará a súa intervención para denunciar que os principios básicos que enuncia a Directiva Europea 2011/92/UE relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil non foron traspostos axeitadamente á normativa española, o cal se traduce en que “a recollida da testemuña da vítima continúa caracterizándose pola súa opacidade, pola súa falta de adaptación ás características e necesidades da vítima, polo forte impacto que causa aos nenos e nenas e pola súa ineficiencia”.
Por iso, Estrela Gómez reclamaralle á Comisión que inste ao Estado español a corrixir as deficiencias do sistema, en especial na atención a vítimas de abuso sexual no ámbito xudicial, facendo constar con claridade na normativa prazos de intervención, medidas para adaptar o procedemento ás necesidades de cada neno ou neno, perfís profesionais mínimos, características materiais e tecnolóxicas das salas de entrevista e das salas de espera.
Tamén reclamará que se tomen as medidas oportunas para que deixe de ser posible a aplicación da suposto síndrome de alienación parental, tanto como base para refutar a validez da testemuña do neno ou nena como para a adopción de medidas en vía civil.
Pedirá igualmente que se regule o acceso das vítimas a atención psicolóxica independentemente de que o proxenitor acusado dea ou non o seu consentimento; e que se avalíe o funcionamento e coordinación dos organismos implicados, pois non se trata de conseguir un logro formal, senón de promover un cambio profundo na maneira de entender a investigación e enxuizamento do abuso sexual.
A Comisión Europea, pola súa parte, xa adiantou que ven observando que poderiamos estar diante dunha posible aplicación indebida por parte do Estado español da Directiva Europea 2011/92/UE e que seguirá moi de preto a aplicación que o Estado fai da 2012/29/UE pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos.