- Informa de que esta árbore foránea ocupa xa a cuarta parte da superficie forestal galega, xerando graves problemas socioambientais
- A eurodeputada galega pide que se atenda o sentir da sociedade, e tamén as denuncias da FAO, e se poña fin á expansión desta árbore
Bruxelas, 27 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este mércores pola noite no pleno do Parlamento Europeo, en Bruxelas, que o eucalipto sexa declarado especie exótica invasora preocupante. Senra tomou a palabra no hemiciclo europeo, durante a quenda de intervencións relacionadas con asuntos de actualidade, para explicar a situación que se vive na Galiza con respecto a esta especie. Así, denunciou que segundo datos do 2016, “o eucalipto ocupa xa máis 400.000 hectáreas, case a cuarta parte da superficie forestal galega, xerando graves problemas socioambientais”.
A europarlamentaria lembra que os eucaliptos, debido ás súas substancias alelopáticas e a ser un monocultivo, converten os terreos en áreas con escasa biodiversidade. “As súas raíces absorben grandes cantidades de auga, impedindo a filtración de augas cara aos acuíferos, e secando regatos, fontes e demais. Ao ser prantas pirófitas, favorecen os incendios forestais; traen consigo pragas e enfermidades que provocan a aplicación de insecticidas e fungicidas; e tamén é frecuente a aplicación de glifosato para diminuír a carga do soutobosque”, explica Lídia Senra.
A súa expansión non so provoca a desaparición de masas boscosas de elevado valor tanto ambiental, senón que tamén invade solo agrícola. Produce degradación da paisaje e atenta contra a integridade e supervivencia de elementos do patrimonio cultural (pinturas rupestres, asentamientos paleolíticos ou monumentos megalíticos). Senra considera que hai razóns máis que suficientes para .que o eucalipto sexa declarado especie invasora na Galiza. Así, lembra que as problemáticas que conlevan as plantacións desta especie xa teñen sido denunciadas pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) e que o Consello de Europa debateu hai escasos meses para declaralo como tal. É por iso que Senra tamén instou hai xa unha semana á Comisión Europea, por escrito, para que inclúa o eucalipto na súa lista de especies exóticas invasoras preocupantes establecida no Regulamento 2016/1141 de conformidade co Regulamento 1143/2014 sobre a prevención e xestión da introdución e propagación das mesmas.