- Lídia Senra organiza o 29 de abril unha xornada para visibilizar este camiño primitivo que une Braga con Astorga pasando polo sur galego e denunciar a falta de atención das Administracións
- O evento, de acceso aberto a todos os públicos, o último sábado deste mes, incluirá relatorios de persoas expertas na materia pola mañá e un roteiro pola serra do Xurés pola tarde para visitar a zona directamente
Santiago,24 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), organiza este sábado 29 de abril en Bande (Ourense), en colaboración coa Asociación de Montaña Arnau, unha xornada informativa e de debate para poñer en valor a Vía Nova como un camiño de Europa. Trátase de visibilizar e denunciar a situación de abandono na que as Administracións manteñen este camiño primitivo de enorme valor patrimonial e cultural que une Braga con Astorga, pasando polo sur galego.
A xornada, de acceso aberto e sen necesidade de inscrición previa para todos os públicos, pretende reflexionar sobre a quen lle interesa a falta de posta en valor da Vía nova, unha situación de desleixo por parte das Administracións estatal e galega que está directamente ligada co abandono do rural, denuncia Lídia Senra. “Estamos a falar dun camiño primitivo de enorme valor patrimonial e cultural que debería ser coidado e aprezado e coñecido xa non só na Galiza, senón en toda Europa”, defende a eurodeputada.
Diferentes asociacións ao longo de todos os lugares polos que pasa a Vía, desde Portugal, até a Baixa Limia, Celanova, Alto Arnoia, Terras de Caldelas, Montaña de Trives, Valdeorras e o Bierzo, levan tempo traballando a favor da promoción deste camiño e da súa recuperación. No horizonte inmediato está reclamar que a Vía Nova sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Para iso, cómpre unha maior visibilización e protección e recuperación e é nese contexto no que se celebrará esta xornada a última fin de semana deste mes de abril.
“Que a xente coñeza a Vía Nova é fundamental, ao igual que abrir unha reflexión sobre o abandono no que se atopa o patrimonio cultural europeo e o rural. Necesitamos abrir puntos de encontro entre todas as persoas que traballamos porque esta realidade mude”, afirma Lídia Senra.
A xornada comezará este sábado ás 9:30 horas da mañá, no Salón de Actos do Concello de Bande, e a apertura correrá a cargo da propia Lídia Senra. Durante a mañá desenvolveranse dúas mesas de exposicións e coloquio. A primeira será ás 10:15, baixo o título “Que é a Vía Nova e cal é o seu legado como patrimonio cultural europeo”. Nela intervirán como relatores Santiago Ferrer Sierra, arqueólogo de Valdeorras, pertencente ao Grupo Arqueolóxico Larouco; Manuel García Valdeiras, arqueólogo profesional da Limia; e Manuel Rivero Pérez, antropólogo e voluntario social. Davide Pérez López, arqueólogo e vogal da Cultura da Asociación Arnau será o encargado de moderar as intervencións.
Ás 12:00 comezará a segunda mesa temática, baixo o título “Na procura dun futuro viable para a Vía Nova. Experiencias desde o asociacionismo e o ámbito empresarial”. Nela tomará a palabra Marta Delgado González, responsable de Mira Xurés; Toño Monteiro, escultor e membro da Asociación Medioambiental Xuresianos-Geresianos AXUGE; e Xavier Perdiz, presidente da Asociación de Montaña Arnau, entre outros. O deputado ourensán no Parlamento Galego e ex alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, será o encargado de moderar e presentar este coloquio.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, comezará un percorrido a pé pola Vía Nova. O punto de quedada para o inicio do roteiro será nos Miliarios Romanos da Ponte Nova, na serra do Xurés. O traxecto a pé comprenderá ao redor de 3 quilómetros, con diferentes paradas explicativas ao longo do camiño.