- Está a asistir, xunto a outros membros da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, ao foro internacional Agroforum Mare Balticum
- Reunirase tamén con deputados da Comisión de Asuntos Rurais do Parlamento estono e asistirá á feira agrícola Maamess en Tartu
Bruxelas, 19 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), desprazouse esta semana a Estonia para asistir, como parte dunha delegación da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, á Conferencia internacional Agroforum Mare Balticum e á feira agrícola Maamees, a maior dos estados bálticos, así como a reunións paralelas con membros do Parlamento e do Goberno de Estonia. A visita, que comezou este martes e prolongarase até o xoves, realízase no contexto da próxima presidencia estona do Consello da UE entre xullo e decembro de 2017. O eixo central da viaxe está a ser o rol da agricultura no desenvolvemento rural co horizonte posto na próxima reforma da Política Agraria Común (PAC).
A delegación, formada por eurodeputados e eurodeputadas da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, está a coñecer as prioridades da presidencia estona ante o futuro da PAC, as cadeas de distribución ou o regulamento Ómnibus nunha serie de encontros con membros do Parlamento deste país do Báltico. O desenvolvemento rural está a ser o gran protagonista do Agroforum Mare Balticum, que se está a celebrar na cidade de Tartu e que conta coa participación do primeiro ministro de Estonia, o representante da FAO para Europa e Asia Central e ministros e viceministros do ramo en Armenia, Moldavia ou Xeorxia, entre outros.
O ultimo día, mañá xoves, Lídia Senra visitará, acompañada do resto da delegación, a feira agrícola de Maasmess, onde os eurodeputados e eurodeputadas poderán coñecer de primeira man as preocupacións do sector desta rexión, xa que no encontro participan agricultores e agricultores e organizacións agrícolas de todos os países bálticos.