- Lembra que foi un compromiso da Autoridade Portuaria, a Xunta e o Concello de Arteixo co Banco Europeo de Investimentos para poder acceder a que se financiara a construción do porto exterior da Coruña
- A eurodeputada rexistra un escrito dirixido á Comisión Europea no que lle pregunta ao ente comuntario se ten previsto tomar algunha medida tendo en conta que 13 anos despois o acordo segue sen cumprirse
Bruxelas, 19 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denuncia ante a Comisión Europea (CE) que o Centro de Interpretación do Castro de Cociñadoiro, comprometido no ano 2004, segue hoxe en día sen ser unha realidade.Senra rexistrou en Bruxelas un documento por escrito dirixido á CE no que lle informa ao ente comunitario de que foron as obras de construción do porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, no Concello de Arteixo, as que deron lugar ao achado, hai máis de 13 anos, de importantes restos arqueolóxicos de gran valor como é o chamado Castro de Cociñadoiro, así como tumbas de época galaico-romana. O Estado español autorizou no 2004 a escavación arqueolóxica e acordouse coa Autoridade Portuaria da Coruña, Xunta da Galiza e Concello que todas as estruturas levantadas para poder construír as novas instalacións portuarias se trasladarían a un Centro de Interpretación que se abriría en Arteixo, co obxectivo de difundir o castro e o patrimonio da zona.
Non obstante, a data de abril de 2017, o Centro non foi construído e as pezas arqueolóxicas están almacenadas, sen exposición ao público e con dúbidas sobre o seu estado de conservación. Tendo en conta que a creación deste Centro foi un compromiso adquirido co Banco Europeo de Investimentos (BEI) no proceso de aprobación do financiamento comunitario outorgado para construír o porto exterior de Punta Langosteira, Senra pregúntalle á CE que opinión lle merece esta parálise de tantos anos e se non considera que se debería instar á construción do Centro. “Tomará a Comisión algunha medida de acordo co BEI polo incumprimento do acordo?”, pregunta a eurodeputada galega.
Senra considera “inaceptable” o estado de “desleixo” no que se atopa gran parte do patrimonio arqueolóxico e cultural galego e reclama a todas as Administracións públicas que se poñan a traballar para lograr unha boa conservación e difusión e coñecemento da nosa historia.
A CE debería dar nun prazo de entre 4 e 6 semanas resposta por escrito ao documento rexistrado en Bruxelas por Lídia Senra.