- Advirte que o sector galego sairía moi prexudicado por esta explotación de Noviercas, que se estima que produciría 180 millóns de litros de leite ao ano, o mesmo que 8.457 granxas na Galiza nun mes
- A eurodeputada considera contraditorio que por parte das Administracións públicas se financie a redución voluntaria de produción láctea e que se permitan estas mega-industrias
Bruxelas, 11 de abril de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) ven de poñer en coñecemento da Comisión Europea o proxecto de macro-explotación industrial de 20.000 vacas que pretende poñer en funcionamento a Sociedade Limitada Valle de Odieta no municipio de Noviercas (Soria) e que chegaría a producir uns 180 millóns de litros de leite ao ano, é dicir, case igual que o que producen 8.457 explotacións na Galiza nun mes.
Senra rexistrou un escrito en Bruxelas, dirixido á CE, ocasionado tamén pola eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, no que denuncia que de seguir adiante esta macro-granxa, substituirá a 432 explotacións na súa contorna, eliminando 726 empregos directos. “Este modelo provocará a desaparición de moitas pequenas e medianas granxas, o que terá un impacto moi negativo no medio rural e particularmente na Cornixa Cantábrica”, asegura a parlamentaria galega.
Para a deputada, “unha concentración tan elevada de animais, cunha carga próxima a 30 Unidades de Gando Maior (UGM) por hectárea, implicará graves impactos no medio ambiente e na saúde, afectando ás concas fluviais, á auga potable, á fauna, á calidade do aire e a outras actividades no medio rural”, defende.
É por iso que no documento rexistrado na CE pregúntalle directamente á Comisión se coñece este proxecto e se dispón de avaliacións do seu impacto social e ambiental. “Non considera que, debido aos impactos negativos nas pequenas e medianas granxas, no emprego no medio rural, na saúde e no medio ambiente, este tipo de macroproxectos deberían ser rexeitados?”, pregúntanlle Lídia Senra e Ángela Vallina ao ente comunitario. Igualmente, tamén se interesan por saber se a Comisión “non considera contraditorio financiar a redución voluntaria da produción de leite e ao mesmo tempo permitir estas industrias”.
Esta pregunta enmarcase na demanda de apoio que fixo o Sindicato Labrego Galego (SLG), aos grupos políticos, no marco da campaña que está a levar contra este proxecto e que incide en que, a pesar de que Soria está a máis de 500 quilómetros da Galiza, este proxecto pode facer perigar o sector lácteo galego. Tendo en conta que desde que rematou o sistema de cotas, calquera granxa pode producir sen límites canto leite queira e sabendo que a granxa de Noviercas pretende producir nun ano o leite que producen 8.465 granxas galegas nun mes, só quince explotacións de dimensións como a soriana poderían suplir a potencia produtiva galega actual.
De autorizarse a implantación deste modelo de macro-granxas, o sector lácteo galego, formado na súa maior parte por pequenas e medianas empresas e que agora mesmo fornece o 40% da produción leiteira no Estado español, sería o máis perxudicado.
Para facerse unha idea da perigosidade das macro-explotacións, a granxa de Noviercas consumiría entre 4 e 6’35 millóns de litros de auga ao día e xeraría unhas 368.000 toneladas de zurros ao ano, o que implicaría que leitos fluviais, auga potable, saúde pública, fauna e mesmo outras actividades económicas, como o turismo, puideran verse gravemente afectadas. Unha soa granxa como a de Noviercas consumiría a cuarta parte da auga que consume unha cidade como Lugo ou Santiago de Compostela por día.
En canto aos refugallos, as 20.000 vacas producirían case o dobre de residuos orgánicos que toda a poboación da Galiza e case 50 veces os xerados por todos os habitantes da cidade de Lugo. A empresa pide 6 millóns de euros de cartos públicos para poder tratar os residuos, o dobre dos 3 millóns de euros dedicados pola Consellería de Medio Rural para as axudas de apoio ao sector lácteo galego no 2016.
“Este modelo de produción en base a macro-explotacións industriais xa existe en Estados Unidos e eu tiven a oportunidade de comprobar no 2006 a desfeita que produce, polo que é fundamental que non se permita a instalación desta industria“, defende Lídia Senra.