- A eurodeputada galega defenderá este luns pola tarde en Estrasburgo que a CE e os Estados membros apliquen medidas de mellora das condicións de vida e laborais das labregas
- No 70% das explotacións agrarias ou gandeiras da UE figura como titular un home, e pesar de que as mulleres representan o 42% das persoas que traballan regularmente nas granxas
Santiago, 3 de abril de 2017. O pleno do Parlamento Europeo que arranca esta semana en Estrasburgo someterá a debate e votación un informe do que é co-relatora a eurodeputada galega Lídia Senra. Trátase dun informe de iniciativa propia “Sobre as mulleres e o seu papel nas zonas rurais”, no que Senra leva meses traballando, exercendo de relatora para a súa elaboración e defensa na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural da UE.
Pasados todos os trámites en Comisión, onde foi aprobado o pasado mes de febreiro, o texto chega agora ao plenario europeo e será este luns pola tarde cando a deputada galega defenda no hemiciclo que a CE e os Estados membros pasen a aplicar medidas axeitadas e ferramentas para garantir unha PAC (Política Agraria Común) igualitaria no reparto das axudas, establecer mellores condicións de vida e de traballo para as mulleres das zonas rurais, facilitando a titularidade e copropiedade das explotacións, incrementando a participación das mulleres nos órganos de representación, a igualdade de presenza nos procesos de toma de decisións e nos organismos e plataformas das zonas rurais, difundindo información sobre as oportunidades de financiamento, garantindo un acceso equitativo ás terras e ofrecendo un servizos públicos de calidade e unha prevención e loita eficaz contra a violencia machista. Unha vez que Senra defenda o texto no pleno hoxe pola tarde, -terá unha intervención oral de 4 minutos de exposición-, será mañá martes pola mañá cando se someta a votación para o seu referendo comunitario definitivo.
O informe pretende dar visibilidade á importancia clave que teñen as mulleres nas zonas rurais e a súa situación de vulnerabilidade actual. Non en van, a pesar de que as mulleres representan, segundo a enquisa de Eurostat sobre estrutura das explotación agrícolas, o 42% das persoas que traballan regularmente nas explotacións agrarias e gandeiras da UE, no 70% delas figura un home como titular. “Que as mulleres exercemos un papel fundamental na sociedade en xeral e nas zonas rurais en particular é algo evidente. A crise económica, social e ambiental que estamos a sufrir en Europa e o modelo capitalista, neoliberal e patriarcal que impera está a ter especial impacto nas zonas rurais e afecta de especial forma ás mulleres. É preciso e urxente que tanto as institucións europeas como os Estados tomen en serio isto e se comprometan a tomar medidas que muden a situación”, denuncia Senra.
A realidade coa que nos encontramos é que moitas mulleres nunca se rexistran como desempregadas e nin sequera figuran nas estatísticas de desemprego e, nas zonas predominantemente rurais da UE, só o 61% das mulleres de idade entre 20 e 64 anos declaran estar traballando.
Para Senra, é fundamental acabar coa fenda salarial e de pensións que sofren as mulleres e poñer en marcha instrumentos que garantan a fin das prácticas que deixan ás mulleres fora dos procesos de toma de decisións nas cooperativas agrícolas, organizacións sindicais, administracións locais do rural e outros organismos. “E urxente e imprescindíbel fomentar a participación das mulleres en todos os tipos de organizacións, asociacións e institucións agrarias e grupos de acción local”, esixe.
Se ben algúns programas de financiamento da UE inclúen unha perspectiva de xénero, as políticas agrícolas e o desenvolvemento rural non contemplan medidas específicas para as mulleres das zonas rurais, excepto o artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, en virtude do cal os Estados membros poden incluír nos seus programas de desenvolvemento rural subprogramas temáticos que aborden as necesidades específicas das mulleres do medio rural, pero non reciben unha porcentaxe de axuda destacada e non son obrigatorios para os Estados. En efecto, Senra tacha de “lamentablemente baixa” a participación das mulleres no uso de instrumentos dos programas de desenvolvemento rural. Até 2014, só o 28% das 6,1 millóns de persoas participantes en accións de formación eran mulleres. Ademais, só o 19% das beneficiarias dos investimentos en activos físicos nas explotacións agrarias e o 33% das persoas beneficiarias das medidas de diversificación eran mulleres. En relación cos empregos creados como resultado das medidas de diversificación da economía nas zonas rurais, só o 38% das beneficiarias eran mulleres.
Senra reclama que se poñan en marcha canto antes políticas de desenvolvemento rural que apoien, faciliten e promovan o acceso ao mercado laboral das mulleres nas zonas rurais e que se asegure a igualdade de xénero empregando os instrumentos dispoñibles no marco dos programas Feader, Leader +, Horizonte 2020 e Fondo Social Europeo. Ademais de reclamar que se promova e facilite o acceso das mulleres á titularidade e co-titularidade das explotacións agrícolas, pídese que se avance na co-titularidade real nas explotacións agrarias, que se lles permita gozar dos mesmos dereitos individuais, tanto os que se derivan de ser titular dunha explotación agraria ,como a cobertura social, a baixa por maternidade, a cobertura fronte a accidentes laborais, o acceso á formación e os dereitos unha pensión de xubilación digna.
“A única forma de ter un rural vivo e unha agricultura europea con futuro é garantindo que as mulleres desenvolvan a súa labor en igualdade. Fagámolo activando todos os mecanismos que ten a UE para posibilitalo”, di a eurodeputada galega.