- A eurodeputada galega rexistra unha pregunta escrita dirixida á CE e elaborada conxuntamente cos portugueses Joao Ferreira e Marisa Matías
- Piden explicacións sobre por que a Xunta outorgou a concesión desta explotación sen accionar os mecanismos incluídos nas Directivas Europeas
Santiago, 17 de marzo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), rexistrou esta semana en Bruxelas unha pregunta dirixida á Comisión Europea na que denuncia a ausencia de estudo de impacto ambiental transfronteirizo da mina da Gudiña.
O escrito, elaborado conxuntamente e asinado tamén polos deputados portugueses João Ferreira, do Partido Comunista Português (PCP), e Marisa Matías, do Bloco de Esquerda, dá conta de que con data do 17 de novembro do 2015 a Xunta outorgou a concesión para a explotación directa da mina de volframio OU/C/5226 “San Juan” á empresa European Tungsten Company SL, filial do Grupo Sacyr. A zona de explotación atópase nos baldíos da aldea de Barxa, na Gudiña (Ourense), preto do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Pena Maseira, a 1 quilómetro da fronteira portuguesa e na cabeceira da conca do río Rabazal, que atravesa o Parque Natural de Montesinho. “Non consta que o proxecto fose sometido a estudo de impacto ambiental transfronteirizo, como esixen as Directivas 2014/52 / UE, 2011/92 / UE, 2001/42 / CE, ademais do Protocolo de actuación entre o Goberno da República Portuguesa e o Goberno do Estado español sobre a aplicación ás avaliacións ambientais de plans, programas e proxectos con efectos transfronteirizos”, denuncian os eurodeputados no escrito dirixido á CE.
Ante esta preocupante situación, Senra, Ferreira e Matías preguntan se “ten coñecemento a Comisión Europea de que a Axencia Portuguesa do Ambiente e o departamento correspondente do Estado español tivesen realizado as consultas ambientais transfronteirizas en relación a este proxecto ou tivesen acceso ao seu Estudo de Impacto Ambiental (en particular no referente á asignación dos espazos naturais protexidos afectados )?”. “Ten coñecemento a Comisión de que o Ministerio de Asuntos Exteriores do Estado español notificase ao Ministerio de Asuntos Exteriores da República Portuguesa a existencia deste proxecto con asignación transfronteiriza? Cal é a razón para non ser accionado o mecanismo de consulta transfronteiriza establecido nas Directivas citadas?”, preguntan.