- Presenta unha pregunta para a Comisión Europea sobre a presión que padecen os traballadores/as das entidades financeiras para que a clientela invista en fondos que acaban tendo rendibilidades negativas
- A eurodeputada leva a Bruxelas as reivindicacións dos representantes sindicais da CIG e reclama que o ente comunitario se manifeste sobre os mecanismos de protección que se deberían poñer en marcha
Santiago, 10 de marzo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) as “políticas comerciais agresivas” que están a levar a cabo as entidades financeiras e a “presión” que están a exercer os directivos sobre o persoal traballador para que coloquen produtos de risco á clientela que non os demanda. Senra cumpre así o seu compromiso de levar a posición dos representantes sindicais de CIG-Banca á institución europea, despois da reunión que a eurodeputada mantivera con eles e elas en Santiago a finais de xaneiro.
Nunha pregunta que rexistrou esta semana no Parlamento Europeo, a parlamentaria refírese ao actual contexto no que os xuros marcados polo Banco Central Europeo (BCE) están en mínimos históricos, o que supuxo un descenso da retribución dos aforros das persoas. “Isto é aproveitado pola banca para colar investimentos en fondos tóxicos e en produtos que en moitos casos poden ter rendibilidades negativas e non están amparados polo Fondo de Garantía de Depósitos”, asegura. Así, denuncia que se están a colocar “sen a información necesaria para os/as pequenos/as investidores/as, a pesar das sentenzas xudiciais emitidas nos últimos tempos contra episodios similares como as chamadas preferentes ou subordinadas, declaradas ilegais por unha falta de información por parte dos bancos á clientela”.
Neste sentido, Lídia Senra pídelle á CE que se posicione sobre se “non deberían ser as entidades bancarias as únicas responsables pola venda destes produtos que elas mesmas deseñan?” e sobre se “non deberían os traballadores/as quedar eximidos de toda responsabilidade na venda destes produtos?”. Tamén insta á Comisión a responder sobre a necesidade de “diferenciar a banca especulativa e de comercialización de produtos de risco, da banca tradicional e de investimento” e sobre os “mecanismos que se deben poñer en marcha para protexer á clientela”.
Senra explica que as dez maiores xestoras de fondos de investimento no Estado español son propiedade dos dez maiores bancos e que, segundo datos que lle facilitou a CIG, teñen unha rendibilidade histórica inferior ao Ibex 35 e no 2016 a maior parte deles tiveron rendibilidades negativas. “As políticas comerciais da banca céntranse en traspasar os aforros da clientela minorista desde as contas de prazo cara a fondos de investimento dos propios bancos, traspasando as rendibilidades negativas á clientela e incrementando os seus propios ingresos polas comisións que levan de comercialización, depósito, xestión ou reembolso dos fondos”, exemplificou.
No Estado español, millóns de pequenos e pequenas aforradoras son partícipes de fondos de investimento. En efecto, a principios do ano 2014, eran 5.100.000 persoas e ao peche do 2016 elevábase xa a 7.390.000 persoas. Nese mesmo período, todo segundo os datos da CIG, o patrimonio dos fondos pasou de 153.834 millóns de euros a 211.421 millóns de euros. “Se se ten en conta a rendibilidade negativa dun gran número de fondos de investimento, o incremento das achegas aínda foi moito maior que o reflexado”, argumenta Senra, que advirte de que no caso de que o BCE decida unha suba dos tipos, como ten anunciado a Reserva Federal dos EEUU, estas persoas que son pequenas aforradoras partícipes dos fondos de investimento poden enfrontarse a aínda maiores rendibilidades negativas.