- A eurodeputada toma a palabra no pleno da Eurocámara en Bruxelas para criticar a despenalización parcial da violencia machista en Rusia
- Pide que ningunha agresión quede sen castigo en ningunha parte do mundo e unha Directiva Europea que garanta os dereitos das mulleres
Bruxelas, 2 de marzo de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este mércores pola noite no pleno do Parlamento Europeo, en Bruxelas, que se pase dunha vez por todas “das palabras aos feitos” e non se produza “ningunha agresión machista sen castigo”. “Pido á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo que convertan a loita contra a violencia machista nunha prioridade e que poñan todos os medios ao seu alcance, incluída unha Directiva Europea para rematar coa violencia machista e para garantir os dereitos das mulleres”, reclamou. A eurodeputada galega tomou a palabra no punto da sesión plenaria no que se abordou a recente despenalización parcial da violencia doméstica en Rusia, a raíz da Declaración da vicepresidenta da Comisión e Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.
Lídia Senra tachou de “moi mala nova para as mulleres rusas e para as mulleres de todo o mundo” a despenalización parcial da violencia machista na Rusia e asegurou que estamos “ante unha gran vitoria do patriarcado”. “Non se pode permitir que os Parlamentos rebaixen as leis para penalizar a violencia contra as mulleres e que abran o camiño para deixar impune a delincuencia machista, porque calquera tipo de agresión ás mulleres é un delito que atenta contra os dereitos humanos”, dixo a europarlamentaria galega. “Ademais, estas agresións no fogar, aínda que non causen feridas físicas importantes, son un delito, atentan contra a autoestima, a saúde e os dereitos das mulleres, e a súa despenalización supón reforzar o pensamento machista de que as mulleres somos posesión dos homes”, advertiu.
“Isto supón seguir alentando o machismo que asasina cada día. A semana pasada no Estado Español foron asasinadas cinco mulleres”, lembrou Senra, para facer fincapé na gravidade do momento que se está a atravesar. “Non podemos consentir que ningún delito machista quede impune, non podemos permitir que se despenalice ningun tipo de agresión machista”, insistiu.
Na Galiza, neste 2017 van xa dúas asasinadas polo menos a mans de homes e son 3.019 as galegas obrigadas a vivir baixo protección policial pola ameaza das súas parellas ou ex parellas.