AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra denuncia na Comisión Europea a parálise na que se atopa o saneamento integral da ría do Burgo

24 Febreiro, 2017 A Coruña, Comisión Europea, dragado, GUE/NGL, Lidia Senra, marisqueo, medio ambiente, ría do Burgo, saneamento
  • A eurodeputada rexistra en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á CE na que lle pide explicacións pola contaminación da zona a pesar dos fondos europeos destinados supostamente a arranxar a situación 
  • A europarlamentaria reclama que se destine algunha partida económica para lucro cesante dos mariscadores e mariscadoras mentres non se leve a cabo o dragado e non poidan saír a faenar

  20170224_110814_2656x1494

A Coruña, 24 de febreiro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) ven de denunciar no Parlamento Europeo a situación de parálise na que se atopa o proxecto de saneamento integral da ría do Burgo. Así o anunciou a propia Lídia Senra este venres pola mañá na Confraría de Pescadores da Coruña, onde acompañada por Manuel Baldomir, membro dos órganos de goberno da Confraría e mariscador, ofreceu unha rolda de prensa para dar conta da pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea que rexistrou esta semana en Bruxelas.

Senra fai fincapé en que o proxecto de saneamento integral da ría do Burgo, que comezou no 2013, foi financiado pola UE co obxectivo de recuperar a ría ante a elevada contaminación que padece, os problemas nos fondos e de lodos e o consecuente perigo para a saúde pública. Non obstante, actualmente, o dragado, orzado polo Goberno do Estado español en máis de 46 millóns de euros, aínda non foi posto en marcha e a mortandade do marisco é elevadísima, deixando aos mariscadores e mariscadoras sen o seu medio de vida.

Considerando a visita dunha delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en 2013 á ría do Burgo; o informe emitido por esta confirmando o mal estado da ría; o procedemento de infracción aberto ao Estado Español por esta casuística; e as respostas da Comisión Europea a múltiples preguntas parlamentarias anteriores realizadas por diferentes grupos políticos, Lídia Senra insta agora á CE a explicar que seguemento ten realizado sobre a situación na ría do Burgo nos últimos anos. A eurodeputada tamén quere saber se a CE fixo algún seguemento da utilización dos fondos europeos FEDER destinados a mellorar o saneamento da ría.

Na defensa dos traballadores e traballadoras que viven da ría, Senra pregunta á CE se sería posible que se destinasen partidas económicas para lucro cesante das mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo mentres non se leve a cabo o dragado e estas persoas non poidan saír a faenar.

Senra estará moi atenta á contestación que lle dea agora a Comisión Europea ao escrito rexistrado esta semana. Habitualmente, o trámite de resposta por parte do organismo comunitario adoita tardar entre 4 e 6 semanas. A eurodeputada insistiu na rolda de prensa en reclamar vontade política por parte das Administracións para solucionar este problema dunha vez por todas e unha vez máis defendeu que as sancións económicas “non arranxan o problema”. “Obriguen a facer o saneamento das rías”, exclamou.

Pola súa banda, Manuel Baldomir, que agradeceu o apoio amosado por Lídia Senra á loita do colectivo, criticou, durante a comparecencia ante os medios de comunicación, a falta de resposta por parte dos diferentes gobernos a esta situación de parálise do saneamento da ría do Burgo. Neste sentido, lembrou que aínda non foi aprobado o estudo de impacto ambiental do proxecto do dragado, a pesar de que xa rematou o prazo de alegacións hai sete meses. Tamén denunciou que por parte da Confraría “se solicitou unha reunión co delegado do Goberno e a resposta foi que non nos ía recibir porque non tiña ningunha información que darnos, a pesar de pasar 7 meses desde que acabou o prazo e a pesar de que nós, as mariscadoras e mariscadores, estamos indo a pique”, afirmou.

Baldomir asegurou que a economía do sector marisqueiro da ría do Burgo “estase vendo moi mermada”. “Temos moita mortandade de ameixa e temos moitos compañeiros e compañeiras que están adebedando as cotas da Seguridade Social porque poden facer fronte aos pagos, compañeiros e compañeiras que están gañando 400 euros ao mes e se teñen que pagar 200 de Seguridade Social, obviamente escollen alimentar aos fillos. As situacións son moi dramáticas, por iso non podemos seguir agardando máis polo dragado”, dixo.

O representante da Confraría da Coruña explicou que de 7 quilos que se lle permiten coller, están extraendo 2 habitualmente e que dos 2000 traballadores e traballadoras que había nos anos 80, hoxe en día “quedamos traballando na ría do Burgo só 100”. “Non se pode consentir isto. Cunha ría ben limpa e dragada, a ría do Burgo daría para aumentar 300 postos de traballo máis, é dicir, podería haber 400 postos de traballo aquí, non 100 como hai agora. Por que o goberno non draga a ría do Burgo dunha vez? Que intereses ocultos hai para non levalo a cabo? Non o sabemos”, concluíu.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019
Lidia Senra visitando a Enseada de San Simon II_2304x1728

Lídia Senra denuncia na CE a nova terminal portuaria prevista na Enseada de San Simón, plena Rede Natura

28 Marzo, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies