- A eurodeputada participou este venres na xornada sobre ‘Desafíos das cidades atlánticas na víspera do Brexit’ organizada por CCAA na Coruña
- A europarlamentaria defende que darlle as costas e danar o medio rural non é compatible con desenvolvemento sostible urbano
A Coruña, 10 de febreiro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) participou este venres pola mañá nas xornadas “Desafíos das cidades atlánticas na víspera do Brexit”, organizada na Coruña polo Concello herculino e a Conferencia das Cidades do Arco Atlántico (CCAA) e patrocinada polo Comité Europeo das Rexións.
Senra interveu na mesa que levaba por título “Desenvolvemento urbano sostible: renovación de zonas urbanas e innovación” e animou a todas as persoas presentes a preguntarse, sempre que se fala de desenvolvemento urbano sostible, se realmente é posible falar de desenvolvemento urbano sustentable nunha perspectiva de que no ano 2050 o 70% da poboación mundial vai vivir en cidades. “Iso é sostible? É sostible que concentremos a poboación mundial nas cidades e que non fagamos nada para evitalo?”, lanzou a eurodeputada. Neste sentido, Senra chamou a reflexionar sobre a insostibilidade de vivir fomentando a concentración da poboación nas cidades en detrimento das zonas rurais.
Senra preguntouse como imos abordar como cidadás todos os problemas ligados á desertización dunha grande parte do territorio mundial ou á perda de biodiversidade, os problemas na calidade da auga ou no aire, con esta tendencia á concentración masiva de persoas nas cidades. Neste sentido, e centrada na Galiza, a europarlamentaria puxo sobre a mesa os datos publicados a principios do 2016, que revelan que o 70% da poboación galega estaba concentrada en 86 dos 313 municipios que hai no noso pais.
Indo máis alá, Lídia Senra afondou en que a perda de poboación da Galiza non para simplemente no desprazamento dos e das habitantes do rural cara ás zonas urbanas. Desde o inicio da crise económica, no ano 2000, en 15 anos, os dous terzos dos empregos perdéronse no sector primario no medio rural. A partir do 2008, Galiza non perde xa só poboación no rural. Máis de 150.000 persoas tiveron que emigrar de Galiza porque non atopan emprego desde que comezou a crise, moitas destas persoas novas, e moitas con estudios universitarios. “Iso lévame tamén a pensar se é posible seguir falando de desenvolvemento das cidades sen cuestionarse a concepción neoliberal da actual UE, que destrúe os nosos sectores produtivos e as nosas industrias, con políticas de austeridade e obxectivo de déficit que levan ao desmantelamento dos servizos públicos, o que nos está afectando moi fortemente no día a día”, dixo.
A deputada no Parlamento Europeo recoñeceu os esforzos que se están facendo desde os concellos para mellorar aspectos medioambientais como a calidade do aire, ou diminuír o tráfico, pero pregúntouse se isto non é máis que tratar o síntoma dunha enfermidade moito máis profunda que, ao mesmo tempo, leva os residuos que producen as cidades a macrovertedoiros no rural, como é o de Sogama en Cerceda ou o proxecto de novo macrovertedoiro para Lousame.
“Gustaríame tamén que reflexionemos sobre como temos as nosas rías, que están totalmente contaminadas. O Estado español foi sancionado en máis dunha ocasión polas deficiencias de saneamento, o que conleva á contaminación das rías e ríos. Isto ten que ver co modelo de cidades e de desenvolvemento que temos igualmente”, insistiu Lídia Senra.
Para rematar, a eurodeputada chamou a reflexionar sobre de onte procede a nosa comida, potenciar a produción e os mercados locais e estar moi alertas ao tratado entre a UE e Canadá, coñecido co nome de CETA, que se someterá a votación no pleno do Parlamento Europeo da próxima semana. “O CETA tamén afectará a moito aos retos das grandes cidades”, advertiu.
“Tratemos o problema de fondo, o modelo de desenvolvemento, as políticas de austeridade e neoliberais da UE. Necesitamos unha Europa dos pobos, que respecte o dereito dos pobos a decidir e que teña en conta os dereitos da inmensa maioría da cidadanía, das clases populares”, dixo para acabar.
Na mesa tamén estiveron como relatores o tenente de alcalde de Santander, José Ignacio Quirós García-Marina, Xoán Mato, secretario xeral do Eixo Atlántico, e Filippo Compagni, como moderador.