- Membros de CIG-Banca explícanlle á eurodeputada a presión na que están os traballadores/as, que ou venden os produtos ou os despiden
- A europarlamentaria galega instará á Comisión Europea para que protexa á clientela e tamén ao persoal laboral das entidades bancarias
Santiago, 27 de xaneiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reuniuse este venres pola mañá na súa oficina en Santiago con representantes da Confederación Intersindical Galega (CIG) Banca, para abordar o endurecemento das políticas comerciais que están a levar a cabo as entidades financeiras e o incremento da presión á que se está vendo sometidos os traballadores e traballadoras para que coloquen produtos financeiros tóxicos que a clientela non demanda.
Despois de escoitar a exposición que sobre a preocupante situación actual lle fixeron os seis membros de CIG-Banca que acudiron á reunión, encabezados por Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca; Lídia Senra comprometeuse a denunciar ante o Parlamento Europeo estas prácticas abusivas, mediante o inminente rexistro de preguntas por escrito á Comisión Europea nas que instará ao organismo comunitario a tomar medidas para protexer á clientela ante a colocación deste produtos e para que non volva suceder algo similar ao acontecido hai pouco cos paquetes de preferentes e subordinadas, por exemplo.
Igualmente, Senra instará á CE para que a responsabilidade de colocar estes produtos tóxicos non recaia nos traballadores e traballadoras dos bancos. De feito a Directiva Comunitaria 2014/65/UE coñecida como MIFID II e desenvolvida polo órgano regulador comunitario ESMA (Autoridade Europea de Mercados), coloca no tellado do/a traballador/a a responsabilidade, mesmo patrimonial, á hora de colocar estes produtos de risco. En consonancia coa CIG-Banca, Lídia Senra considera que debería aplicarse un mecanismo para regular esta situación e impedir que a banca comercial poida ofrecer produtos de risco e que sexan oficinas especializadas as que, a petición dos clientes, presten este tipo de servizos. Neste sentido, Montero avogou porque este tipo de produtos só deberían poder colocarse nas bancas de investimento, para clientes conscientes do risco que corren, e non na banca minorista como está pasando actualmente.
Durante a xuntanza, Montero explicou como as traballadoras e traballadores teñen capacidade nula para decidir non colocar un produto a un ou unha cliente cando se lle está requirindo por parte dos seus superiores xerárquicos na empresa e tendo en conta que do cumprimento deses obxectivos vai depender o seu posto de traballo.
A maiores das iniciativas que presentará Lídia Senra no Parlamento Europeo sobre este tema, e do que daremos conta máis detallada nos próximos días, a eurodeputada galega tamén convidou á CIG-Banca a viaxar a Bruxelas nun futuro próximo co fin de que poidan directamente os traballadores e traballadoras afectados por estas políticas comerciais agresivas facer visible a situación. A posibilidade desta visita concretarase durante este ano.