- A eurodeputada galega amosou o seu apoio na loita contra o proxecto de extración de ouro da multinacional Edgewater en Corcoesto
- Senra lembrou que o CETA incorpora mecanismos de resolución de conflitos que lle darán máis dereitos ás empresas fronte aos gobernos
Bruxelas, 24 de xaneiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), pide unha “acción contundente” do Parlamento Europeo para rexeitar que os dereitos das empresas mineiras estean por riba da protección da saúde das persoas, da vida do pobo galego e da preservación do medio ambiente“. Fíxoo este martes con ocasión da comparecencia da asociación Petón do Lobo ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que analizou novamente o expediente aberto contra o proxecto da empresa canadense Edgewater na Costa da Morte. Senra recalcou “os riscos medioambientais e sobre a saúde que implica o uso de cianuro e o arsénico na explotación do metal, ademais das consecuencias desta actividade sobre zonas agrarias e con vivendas”.
Malia que a Xunta paralizou o proxecto en marzo de 2014 e confirmou o vencemento dos principais dereitos mineiros da empresa canadiana en Corcoesto, a deputada nacionalista recordou que a loita contra Edgewater non está acabada e que hai outros proxectos de investigación mineira solicitados para a concesión denominada Julia que abrangue varios municipios da Costa da Morte. “Pedimos que os novos permisos de investigación non se concedan e que se paralicen todos os proxectos mineiros en curso na Galiza, porque seguen afectando á vida das persoas, ás augas, fincas e vivendas, así como a destrución de postos de traballo que estes proxectos implican”.
“Ademais, hai que ter en conta os problemas que ocasionarían os mecanismos de resolución de conflitos sobre investimentos previstos no CETA, o acordo comercial entre a UE e Canadá”, argumenta a eurodeputada nacionalista. No caso de Corcoesto, Senra considera que ” o feito de que Edgewater estea reclamando o investimento e o lucro cesante ocasionado logo do rexeitamento definitivo do proxecto mineiro é especialmente preocupante de cara ao futuro, porque o mecanismo incluído no CETA atribuirá ás multinacionais o dereito de esixir aos gobernos compensacións económicas cando estes tomen decisións que afecten aos seus negocios“. “Este acordo daríalle todos os dereitos a empresas como Edgewater ou calquera outra empresa mineira con sede ou filiais en Canadá”, recalcou Senra, que durante estes anos de loita da veciñanza da Costa da Morte contra o proxecto mineiro se dirixiu en diversas ocasións á Comisión Europea para esixir a súa paralización e a protección do medio ambiente e da saúde das persoas. “Non entendemos que o pobo galego se vexa obrigado a indemnizar a unha empresa por querer protexer a terra, o medioambiental e a saúde”.
“Entendemos que a loita do pobo galego foi decisiva para paraliza o proxecto aurífero en Corcoesto, que ademais afectaría gravemente á economía porque implica a ocupación de terras agrarias e forestais. O uso de cianuro no proceso de extracción suporía ademais un serio perigo para a saúde, a calidade das augas e a vida acuática”, enumerou a eurodeputada galega.