- Pretende consensuar co sector as emendas a presentar á Proposta de novo regulamento da UE sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas
- A eurodeputada galega estará este sábado ás 17:00h. na confraría de Corcubión; o día 28 na Pobra e en Poio; e continuará coas xuntanzas noutros puntos do litoral nas fins de semana de febreiro
Santiago, 17 xaneiro de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), comezará esta semana unha serie de encontros polas confrarías galegas, co obxectivo de reunirse coas persoas que forman parte directamente do sector no noso país e consensuar con elas as emendas a presentar á Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e o Consello sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas.
Lídia Senra estará concretamente este sábado, día 21 de xaneiro, na Confraría de Corcubión, a partir das 17:00 horas, e anima a todos os mariñeiros e mariñeiras a asistir á xuntanza, xa que as medidas técnicas que ten en mente modificar a UE establecerán cambios nas normas que regulan como e onde se pode pescar e introducirán modificacións sobre o funcionamento das artes de pesca, o seu deseño, os tamaños mínimos, as zonas de veda ou as medidas de protección das especies ou ecosistemas sensibles.
Ante o futuro debate no Parlamento Europeo dun texto tan importante para Galiza, xa que afectará directamente a miles de familias que viven da pesca, Lídia Senra quere que sexan as propias persoas do sector afectado as que avalíen a proposta e preparar con elas a posición que defenderá na UE. Neste sentido, despois da primeira reunión deste próximo sábado en Corcubión, a eurodeputada ten xa fixadas xuntanzas tamén co sector na Pobra do Caramiñal, o sábado 28 de xaneiro, ás 11:00 horas (no Auditorio do Museo Valle-Inclán); e ese mesmo sábado tamén, o día 28, ás 17:00 horas en Poio.
As reunións de Lídia Senra polo litoral galego continuarán nas fins de semana de febreiro, co obxectivo de chegar ao maior número posible de zonas e valorar a situación en conxunto. Con case total probabilidade, e sempre que as axendas o permitan, Alexandra Fernández, deputada de En Marea no Congreso dos Deputados, asistirá tamén a todas estas xuntanzas para recoller as propostas do sector e poder trasladalas e adaptalas posteriormente para o seu traballo nas Cortes do Estado español.