- Máis de 1.300 enmendas foron presentadas ao texto do Regulamento de produción ecolóxica e etiquetaxe votado esta mañá no PE
- AGEe demandou que a agricultura ecolóxica sexa dirixida prioritariamente aos mercados locais e de proximidade
Bruxelas, 13 Outubro 2015. A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (PE) [ORDE DO DÍA] procedeu esta mañá a votar o informe Produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos, modificación do Regulamento (UE) do Parlamento Europeo e do Consello [Regulamento relativo aos controis oficiais] e derogación do Regulamento (CE) n° 834/2007 do Conselho , ao que se presentaron máis de 1.300 emendas[1]. Finalmente o informe saíu aprobado. Alternativa Galega de Esquerda en Europa abstívose.
A partir dagora ábrese un proceso de negociación con presenza da Comisión Europea, o Consello e o Parlamento, do que sairá un acordo definitivo de modificación do regulamento.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esqueda en Europa (AGEe), Lídia Senra, valorou esta mañá dende Bruxelas que este informe “malia a ter cousas importantes”, contaba con varios aspectos que impedían que puidera ser apoiado por AGEe.
Senra, responsábel de seguir este informe para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica/Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura[2], chamou a atención sobre o feito de que “non foron consideradas as nosas emendas dirixidas a que non podan ser valorados como “ecolóxicos” produtos que son desprazados dende milleiros de kilómetros”.
Cómpre lembrar que o transporte global de alimentos é, a día de hoxe, responsábel de alomenos o 6% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro. “A agricultura ecolóxica debe dirixirse a potenciar o produto local e de proximidade”, reiterou, “a cuestión da importación e exportación de produtos ecolóxicos debería estar moitísimo máis acoutada neste informe”.
Outro punto especialmente sensíbel foi o debate sobre a necesidade de apoiar a produtoras e produtores que vexan contaminadas as súas producións ecolóxicas por organismos transxénicos debido a prácticas de terceiros[3]. “Nos defendíamos que estas agricultoras/es ecolóxicas/os deben ser indemnizadas economicamente, e esta proposta tampouco saíu aceptada”, concretou a eurodeputada galega.
Por último, outra das características que facían imposíbel o apoio de AGEe a este informe é que, malia a especificar que na agricultura ecolóxica non se van admitir os transxénicos, sen embargo recolle como excepción o emprego de medicamentos veterinarios realizados a partir de organismos xeneticamente modificados (OXM’s). Dende AGEe consideramos que no marco da regulación da produción ecolóxica “non debería autorizarse absolutamente nada que seña feito con ou a partir de transxénicos”.
Aliás, Alternativa Galega de Esquerda en Europa amosouse contraria a proposta aprobada a través deste informe de crear unha “estrutura administrativa” dentro da competencia europea para “armonizar e implementar” este regulamento, xa que “entendemos que o desenvolvemento, seguimento, coordenación e cumprimento do Regulamento e de tódalas normativas da agricultura ecolóxica deben ser responsabilidade das institucións públicas correspondentes xa existentes, e se é preciso deberán reforzarse os servizos públicos adicados a este fin”.
A partir de agora o texto será debatido entre o Consello, a Comisión e oParlamento-, “e estaremos pendentes do seu percorrido para dar conta da evolución e do texto que se aprobe finalmente”, concluíu a eurodeputada de AGEe.
[1]http://www.agrinet.ep.parl.union.eu/agrinet/cms/home/menu_current_leg/work_in_progress_1/draft_reports_1Organic, Informe: Production and labelling of organic products, amendment to Regulation (EU) No XXX/XXX of the European Parliament and of the Council [Official Controls Regulation] and repeal of Council Regulation (EC) No 834/2007.
[2]Este informe tamén esta sendo tratado na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo.
[3]Actualmente, en países como os EEUU obrígase ás produtoras/es ecolóxicos a pagar altas multas ás empresas de produtos transxénicos cando as producións ecolóxicas resultan contaminadas por organismos xeneticamente modificados. As empresas da tecnoloxía xenética argumentan que iso non é “contaminación”, senón roubo de patentes. Demandando agricultores/as, o coñecido xigante biotecnolóxico Monsanto, fíxose con máis de 12 millóns de dólares só ata o ano 2005.