AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra: “É un suicidio colectivo seguir facendo políticas que primen as exportacións”

21 Decembro, 2016 ACP-UE, AGEe, comercio, dumping, globalización, GUE/NGL, Kenia, Lidia Senra, Nairobi
  • Denuncia que o avance da globalización concentra cada vez máis riqueza en mans de poucas elites e empobrece á maioría da poboación 
  • A eurodeputada avoga por porlle freo ao dumping social e ambiental, na reunión da Asemblea Parlamentaria Paritaria ACP-UE en Kenia

  lidia-senra-na-reunion-da-acp-ue-en-nairobi 

Santiago,21 de decembro do 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar en Nairobi, na capital de Kenia, que “non é ningunha resposta positiva seguir globalizando os mercados. Ao contrario, é un suicidio colectivo seguir facendo políticas que primen as exportacións”. Senra tomou a palabra no debate sobre o papel do comercio nos obxectivos de desenvolvemento, dentro da 32ª Sesión da Asemblea Parlamentaria Paritaria ACP-UE (África Caribe Pacífico – Unión Europea), ante Mukhisa Kituyi, Secretario Xeral da CNUCED (Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento).

Na súa intervención, a europarlamentaria galega denunciou a “carreira desenfreada pola conquista dos mercados internacionais”, con múltiples acordos (xa sexa de integración rexional, de libre comercio ou de Asociación) aprobados nos últimos anos “co obxectivo de reducir ou desmantelar aranceis e afondar nas políticas de desregulamentación dos mercados”.A consecuencia destas decisións, dixo, “a realidade demostra que o avance da globalización concentra cada vez máis riqueza en mans dunhas poucas elites e, ao mesmo tempo, as persoas precarizadas, empobrecidas e desposuídas son cada vez máis en todo o mundo”.

Lídia Senra criticou que boa parte das persoas presentes no cumio internacional de Kenia “gobernen para esas elites que concentran a riqueza mundial” e reclamoulles que expliquen como é que en paralelo á apertura dos mercados, “as desigualdades seguen aumentando até acadar datos como no que no 2014 o 1% das persoas máis ricas do mundo chegaron a acaparar máis riqueza que o 99% das persoas restantes”. “Poden explicar por que os países empobrecidos, que teñen moitos recursos naturais e que xa venden moitos produtos no mercado internacional (en moitos casos sen aranceis, no marco de diferentes acordos), seguen tendo os niveis de pobreza e exclusión social que teñen? E por que as súas poboacións seguen padecendo fame e malnutrición?”, exclamou a representante de AGEe.

Senra explicou que na UE, sobre todo nos pobos do sur, “asistimos nos últimos 30 anos a unha situación de deslocalización masiva das nosas producións e dos nosos sectores produtivos básicos”, como pasa na Galiza coa agricultura e a pesca. “Asistimos a unha desfeita masiva das nosas industrias, á vez que os acordos rexionais e a globalización dos mercados avanzan buscando man de obra barata ou case escrava e infantil, deixando nos chamados países ricos millóns de persoas sen emprego. A isto chámaselle ‘Dumping social’, pero del non interesa falar”, denunciou. “E por riba, a situación agrávase coa estafa coñecida como ‘crise económica’ que serve para desposuírnos ás clases populares de fondos públicos para empregalos en ‘rescatar’ á banca privada e ás grandes empresas”, engadiu.

A eurodeputada galega levou ao debate o feito de que hoxe na UE hai 122 millóns de persoas en risco de pobreza e exclusión social, é dicir, 1 de cada 4; algo que no Estado español afecta ao 29,2% da poboación, da cal, o 36,4% son persoas entre 16 e 29 anos e o 35,4% son menores de 16 anos. “Na Unión Europea, as políticas a prol da globalización trouxeron consigo que millóns de persoas perderan as súas vivendas e que millóns de persoas dependan de diferentes organizacións de solidariedade ou de beneficencia para poder comer algunha vez durante o día. E en perigo están tamén, pola ambición das multinacionais, que todo o queren converter en mercadoría, servizos básicos como a educación e a sanidade. De feito esta última xa deixou de ser universal no Estado Español”, afirmou.

Fronte a esta situación, Senra defendeu a necesidade de poñer en marcha políticas para promover as producións locais para os mercados locais e de proximidade. “Cómpre re-localizar as producións e as empresas. Cómpre regular producións e mercados e tamén salvagardar o dereito a protexernos de importacións que poñan en risco as nosas economías”, dixo. Lídia Senra asegurou que “eliminar os aranceis só beneficia a esas multinacionais que especulan, que se van instalando onde máis lles interesa para producir regalado e vender cada vez máis en todo o mundo aumentando de forma obscena os seus beneficios, mesmo na chamada crise económica”. “Son estas multinacionais as que precisan xa non só desmantelar os aranceis, senón tamén liquidar calquera lei que garanta dereitos sociais ou de protección ambiental porque consideran que limitan a súa capacidade de obter beneficios”, engadiu.

A europarlamentaria avogou por un comercio internacional baseado nos excedentes reais de cada país, “sen hipotecar a alimentación, nin o desenvolvemento dos pobos e tamén sen ameazar os recursos naturais mediante a espoliación e a contaminación”. “Por certo, a isto chámaselle ‘Dumping ambiental’, e tampouco interesa falar del”, dixo. “Para dar un exemplo, non podemos hipotecar a alimentación ou a saúde de ningún país para ter soia para producir excedentes de carne e leite na UE que arruinan a labregas e labregos na Unión e en todo o mundo; ou para ter aceite de palma para agrocarburantes. Ningún produto debe entrar en ningún país por debaixo dos custos reais de produción, custos sociais e ambientais incluídos, claro. Para isto precisamos manter mecanismos de protección”, concluíu.

intervencion-da-ministra-keniana-de-asuntos-exteriores

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies