- Debate sobre aplicación do principio de igualdade de oportunidades e trato entre homes e mulleres (Directiva 2006/54/CE)
- Senra denunciou que as políticas de igualdade son “insuficientes”, pero “existen”, así que deben ser aplicadas e respectadas
Estrasburgo, 08 Outubro 2015. A primeira hora desta mañá o Parlamento Europeo debateu un informe sobre a aplicación do principio de igualdade de oportunidades e trato entre homes e mulleres naqueles eidos vinculados ao emprego e á actividade profesional, relativo á Directiva 2006/54/CE do PE e do Consello.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, centrou a súa intervención en sinalar as responsabilidades políticas na dinamización e posta en marcha de medidas pro-igualdade, incidindo en que a brecha salarial, as políticas de austeridade e a violencia machista “son o claro exemplo do pouco que están facendo as institucións, tanto nos Estados membro como na UE para poñer en práctica esas políticas de igualdade e de prevención de violencia contra as mulleres”, que inda que “moitas veces son insuficientes”, recalcou, “existen”.
A eurodeputada de AGEe decidíu deste xeito empregar a súa quenda de intervención para interpelar directamente á Comisión Europea: “que pensa facer na práctica para eliminar o sesgo de xénero que existe á hora de aplicar as políticas de igualdade e de loitar contra a violencia machista?”, inquiriu. Senra insistiu na necesidade de poñer en marcha medidas de acción positiva neste sentido, xa que “se non avanzamos nisto seguiremos analizando cada ano a situación das mulleres en distintos ámbitos pero permanceremos na mesma situación”.
Enlace á intervención: https://www.youtube.com/watch?v=Vhc52GcKu0E&feature=youtu.be