- A eurodeputada pregúntalle á Comisión Europa se prevé realizar xestións para pór fin á violación de dereitos dos movementos sociais
- A representante de AGEe informa de actuacións policiais arbitrarias e ilegais dende o golpe que destituíu á presidenta Dilma Rousseff
Santiago, 9 novembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar no Parlamento Europeo o aumento da represión e da criminalización dos movementos sociais no Brasil. Senra rexistrou unha pregunta por escrito, dirixida á Comisión Europea, na que amosa a súa “grande preocupación” pola “forte escalada gobernamental na represión e para criminalizar os movementos sociais desde que tivo lugar o golpe que destituíu á presidenta Dilma Rousseff”.
En concreto, a eurodeputada galega refírese ao caso do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), que “está a sufrir unha escalada crecente de accións represivas, incluíndo a operación “Castra”, desenvolvida o pasado 4 de novembro no Paraná, Quedas do Iguaçu, Francisco Beltrão, Laranjeiras do Sul, São Paulo e Mato Grosso do Sul”. Lídia Senra fai fincapé no seu escrito en que estas accións incluíron “a invasión policial, arbitraria e ilegal, sen mandato xudicial, na Escola Nacional Florestan Fernandes (ENFF) en Guararema.
Tendo en conta que incluso o Procurador da República, Daniel de Alcântara Prazeres, cuestionou a acción”agresiva” da Policía Civil na ENFF, Lídia Senra pregunta á Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores e a Política de Seguridade se é consciente desta situación de escalada da represión e criminalización do MST e da violación de dereitos fundamentais. Tamén lle pregunta se prevé, no ámbito das relacións co Brasil, algunha xestión para que se poña fin á violación de dereitos, á represión e á criminalización dos movementos sociais en xeral e do MST en particular.