- A eurodeputada insta á CE a elaborar unha normativa que protexa á infancia e mocidade destas actividades de risco nas que se usan armas
- A representante de AGEe rexistra unha pregunta por escrito dirixida á Comisión na que lle pide que se posicione sobre esta reivindicación
Santiago, 2 novembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de rexistrar no Parlamento Europeo unha pregunta dirixida á Comisión na que insta ás autoridades da UE a posicionarse sobre o feito de que mozas e mozos menores de idade poidan participar na Galiza en cacerías e portar armas con gran potencia de fogo. A eurodeputada dá este paso, co obxectivo de denunciar publicamente esta situación e de respaldar a campaña impulsada por diferentes colectivos que levan xa recollidas 11.000 sinaturas de apoio para que o Parlamento galego modifique de forma urxente a Lei de Caza e prohiba a participación de menores nestas actividades perigosas.
Mentres o Parlamento galego non se posiciona ao respecto, Lídia Senra decidiu, atendendo as demandas da Foundation Franz Weber, elevar o asunto á UE, tendo en conta que na última década, só na Galiza faleceron 14 persoas en accións relacionadas coa caza e en algúns deses lamentables sucesos a vítima tiña só 17 anos. Neste contexto, a eurodeputada considera que a Comisión Europea debería posicionarse sobre se é axeitada ou non a a participación de mozas e mozos menores de idade, de 14 a 17 anos, e sobre a súa exposición a un risco real de ferida ou morte.
“As batidas transmiten ás e aos menores unha imaxe distorsionada do deporte e do gozo da natureza”, denuncia Lídia Senra na súa pregunta escrita, que tamén pide que a CE actúe para prohibir que se poidan emitir en horario infantil, en medios de comunicación de masas, como pode ser a televisión, contidos relacionados coas cacerías.
“Que opinión lle merece á Comisión a participación de menores nunha actividade de risco e con armas de fogo? Considera a Comisión axeitada a necesidade de elaborar unha normativa para protexer o interese superior da infancia e a adolescencia fronte a actividades perigosas ou perxudiciais para a súa saúde?”, pregunta directamente Lídia Senra. A Comisión deberá agora respostar e posicionarse. Habitualmente, a contestación adoita tardar ao redor de mes e medio en producirse.