- Recolle 6 puntos reivindicativos e pretende a adhesión de todas as forzas políticas e sociais que loitan na defensa dos servizos públicos
- Lídia Senra e Manuel Martín clausuraron o encontro que durante dous días promoveu o intercambio de experiencias e fomentou o debate
Vigo, 29 outubro 2016. As xornadas “A privatización da Sanidade na Unión Europea”, -organizadas por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo-, que durante dous días reuniron na cidade olívica a decenas de persoas pertencentes ao sector sanitario galego, estatal e internacional, remataron este sábado pola tarde co lanzamento do chamado “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”.
O manifesto, presentado polo presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, e impulsado polas plataformas presentes no encontro, recolle seis puntos claves e a intención é, a partir de agora, facelo circular para que reciba o apoio e a adhesión de todas as organizacións sociais e políticas implicadas na loita pola defensa dos servizos públicos.
Neses 6 puntos de consenso do Manifesto, amósase textualmente o “compromiso a potenciar unha rede de organizacións e plataformas que integren aos sectores sociais e profesionais máis amplos, a nivel local, rexional, estatal e europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos aos sistema público”. Enténdese que a saúde ten “unha dimensión multifactorial que traspasa o Sistema Sanitario, que ten que ver coa actuación pública sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e os e as profesionais do sistema”. Considera que é “esencial” a “mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas” e rexeita “os instrumentos que só benefician o sector privado e que deberían ser reintegrados ao sistema público”. Denuncia que os modelos de Colaboración Público Privada (CPP) supoñen “un encarecemento moi importante da atención sanitaria, o recorte de recursos, a diminución da calidade da mesma e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara á constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre”. E denuncia que esta CPP representa un dos alicerces fundamentais da estratexia de privatización do Sistema Sanitario Público que se está producindo no Estado español de xeito progresivo”.
A eurodeputada Lídia Senra valorou, no peche, moi positivamente este encontro que “pon de manifesto como os partidos que abrazan o neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes empresas e os investidores”. “Pola nosa parte poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas, tanto colaborando na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos presentes”, exclamou.
Máis alá do colofón aos dous días de debate en Vigo co lanzamento do citado manifesto, a xornada deste sábado arrancou a primeira hora da mañá cunha mesa sobre “Experiencias de aplicación da CPP no Estado español”, moderada polo representante da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas, Pepe Penelas, quen realizou un chamamento a “rematar coa dependencia dos convenios público-privados” e a artellar medidas efectivas para facerlle fronte aos proxectos “privatizadores aplicados tanto polo PP como polo PSOE”.
Un dos relatores no citado coloquio, Pedro Durán Mondejar, do Sindicato de Médicos de Asistencia Pública (SIMAP) e da Asociación Cidadá para a Defensa da Sanidade Pública de Valencia, expuxo a situación na que se atopa o hospital de Alzira e denunciou que “a mortandade e esperanza de vida nas áreas xeográficas nas que a xestión da sanidade é privada é moito peor que nas que a xestión é pública”. “Isto é o que nos debe de preocupar”, defendeu, para atacar que “os medios de comunicación bombardean continuamente con que a CPP é a panacea” e sen embargo a realidade é que nos modelos de concesión “as Administracións teñen un escaso control do servizo sanitario e convértense en verdadeiras axencias de colocación de persoal afín”.
Na mesma liña, Juan Antonio Ayllón Domínguez, presidente da Asociación Sanidad Pública Si de Burgos, defendeu “como elemento clave” un “sistema público universal e financiado por orzamentos públicos” e advertiu de que “non imos cesar na loita pola recuperación do Hospital Universitario de Burgos”. “Será unha utopía? Como di Galeano, é o que nos fai camiñar cara ao horizonte”.
Montserrat Seijas, da Plataforma pola Recuperación do Hospital Son Espases de Palma de Mallorca, explicou a preocupante situación sanitaria nesta comunidade e alertou de que “os sindicatos de médicos e de enfermeiras están como adormecidos. O noso maior reto é conseguir espertar a toda a cidadanía na defensa na sanidade pública”, asegurou.
O segundo coloquio-debate da mañá deste sábado abordou “Experiencias internacionais da privatización sanitaria” con Sally Ruane, directora da unidade de Investigación de Políticas de Saúde do Departamento de Ciencias Sociais Aplicadas da Universidade de Montfort, no Reino Unido; Vivi Paskhali, radióloga e membro do Consello Xeral da ADEDY, Confederación dos Sindicatos de Empregados Públicos de Grecia; e Henrique Botelho, coordenador nacional para a reforma do Serviço Nacional de Saúde de Portugal na Área dos Coidados de Saúde Primarios. Jesús Araújo, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, moderador desta mesa, defendeu “pelexar por manter as conquistas conseguidas no sector a nivel galego e porque non se dea un paso atrás na sanidade pública”.
Paskhali interveu por videoconferencia e fixo un repaso polas agresivas políticas neoliberais que están a ser aplicadas en Grecia e que teñen como consecuencia que “nos últimos anos pecharon moitos hospitais, despediron ao persoal e as unidades de saúde pública non son suficientes para cubrir as necesidades da poboación, de xeito que a xente está guiada para ter que pagar para poder acceder aos servizos sanitarios, estando ante unha comercialización de servizos”, dixo.
Sally Ruane explicou como afectou a crise financeira afectaou aos recortes no sector público sanitario británico e como foi imposible obter fondos públicos nos últimos anos para o desenvolvemento de novos hospitais, o que derivou tamén no peche de moitos servizos. “En Inglaterra hai hoxe hospitais creados con diñeiro privado que están a pechar áreas simplemente porque non dan ganancias. Ao Goberno gústalle este modelo porque permite construír sen aumentar a débeda, pero ao mesmo tempo é moi custoso”, denunciou.
Henrique Botelho na súa intervención atacou a quen entende a saúde “como unha oportunidade de negocio. O portugués afirmou que “non é saudable introducir medidas antiuniversalistas como se foran solucións meramente técnicas” no ámbito sanitario, defendeu que o Servizo Nacional de Saúde é a “grande conquista do Estado Social no noso país” e explicou que a día de hoxe os esforzos se centrar en “intentar relanzar a reforma que iniciamos no 2016”.
Despois dunha pausa para xantar, na sesión da tarde desenvolveuse unha mesa baixo o título “Funcionamento e resultados dos hospitais de CPP. Resposta social e profesional”. Moderada por Ángel Cameselle, presidente da Xunta de Persoal da Área de Vigo, as intervencións correron a cargo de Marciano Sánchez Bayle, presidente da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid e secretario de Organización da FADSP; José Vieira, da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas; e Manuel González Moreira, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública Vigo.
Ángel Cameselle, tirou como conclusión destes dous días de “importantes” xornadas en Vigo que “só a mobilización poderá frear que sigan existindo modelos de financiamento privado sanitario” e avogou por realizar no futuro unhas novas xornadas de unión na loita en toda Europa.
Marciano Sánchez Bayle, na liña, insistiu en que “a privatización incrementa os custos de maneira exponencial, empeora a calidade da atención sanitaria e reduce o persoal”. “No sistema sanitario do Estado español somos líderes, si, líderes en transplantes do público ao privado”, dixo. Para o madrileño, o “empeño privatizador débese a ideoloxías dos fundamentalistas do mercado, a intereses de grandes multinacionais que buscan nichos de rendibilidade e a persoais dos xestores administrativos. “Épocas de desastre son de grandes oportunidades para carroñeiros”, denunciou.
José Vieira reclamou a necesidade de artellar “un gran movemento para que non nos coman os ultraliberalistas que tomaron o goberno recentemente” e tachou de “caso moi grave ou de ineptitude ou máis ben intencionado” o sucedido en Vigo. “Había unha solución mellor, dar lugar a un hospital público de referencia do sur de Pontevedra, con 1465 camas e todos os servizos, coa dimensión necesaria para solventar todas as necesidade. Pero o que aconteceu é que se deu lugar a un hospital privado con 845 camas”, denunciou.
Manuel González Moreira defendeu que o modelo do Álvaro Cunqueiro supón menos horas de enfermería e “máis complicacións” para os enfermos. “Os recortes incrementan a mortandade. Máis coidados de enfermería, menos mortandade , e aquí é xusto o contrario”, asegurou.