- O evento reunirá até o sábado na cidade a unha vintena de relatores pertencentes ao sector sanitario galego, estatal, inglés e portugués
- A eurodeputada Lídia Senra organiza esta cita para promover o debate e tecer alianzas entre colectivos a prol do sistema público
Vigo, 27 outubro 2016. Mañá arrancan en Vigo as xornadas “A privatización da sanidade na Unión Europea”, un evento aberto ao público sen necesidade de inscrición previa e que durante a tarde deste venres e todo o día do sábado reunirá na cidade olívica a unha vintena de relatoras e relatores pertencentes ao sector sanitario chegados de diferentes puntos da Galiza, do Estado español e do Reino Unido e Portugal. O obxectivo do encontro é debater, poñer en común análises e experiencias, tecer alianzas entre os diferentes colectivos que defenden o sistema público e consensuar propostas para dar unha batalla común e defender posicións nas diferentes institucións.
A xornada, que se celebrará ambos os días no Salón Córdoba do Hotel Ciudad de Vigo (Rúa Concepción Arenal, 5, Vigo), está organizada por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e coa Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo.
Despois de que Lídia Senra inaugure as xornadas, o primeiro coloquio-debate terá lugar o venres a partir das 16:30 horas, sobre “O regulamento da colaboración público privada para financiar e xestionar centros e servizos sanitarios”. Nel intervirán o membro da Comisión Europea de Estudo de Políticas de Saúde, o madrileño Fernando Lamata; e o representante da AGDSP José Emilio Santiago Nieto.
A segunda mesa da tarde desenvolverase baixo o título “A colaboración público privada. Mellora da eficiencia ou privatización?”, na que Luisa Lores, en nome da plataforma SOS Sanidade Pública; e Pablo Vaamonde, en nome novamente da AGDSP, realizarán os relatorios, que serán moderados por Flora Miranda, médica na área de Compostela.
As sesións do venres rematarán ás 20:30 horas cun resumo do falado durante a tarde e coa realización de propostas de actuación na defensa do sistema sanitario público a cargo da propia Lídia Senra e do presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín.
Xa o sábado, as xornadas darán comezo novamente ás 10:00 da mañá, cunha charla sobre “Experiencias de aplicación da Colaboración Público Privada (CPP) no Estado español”. Nela presentarán relatorios Juan Antonio Ayllón Domínguez, presidente da Asociación Sanidade Pública Si de Burgos; Pedro Durán Mondejar, representante da Asociación Cidadá para a Defensa da Sanidade Pública de Valencia e membro do Sindicato de Médicos de Asistencia Pública (SIMAP); Marta Prades, da Plataforma para a Defensa dos Servizos Públicos e os Dereitos Sociais do Baixo Aragón e do Hospital de Alcañiz; e Montserrat Seijas, da Plataforma Recuperación Hospital Son Espases de Palma de Mallorca. Será moderada por Pepe Penelas, da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas.
Ás 12:30 horas, despois dun descanso, comezará o coloquio sobre “Experiencias internacionais da privatización sanitaria”, no que intervirá Sally Ruane, directora da Unidade de Investigación de Políticas de Saúde do Departamento de Ciencias Sociais Aplicadas da Universidade de Montfort (Reino Unido); e Henrique Botelho, coordenador nacional para a reforma do Serviço Nacional de Saúde de Portugal na área dos Coidados de Saúde Primarios. Moderará esta mesa con debate Jesús Araújo, da AGDSP.
O sábado pola tarde, a partir das 16:30 horas, Ángel Cameselle, presidente da Xunta de Persoal Área de Vigo, moderará unha charla-coloquio sobre “Funcionamento e resultados dos Hospitais de Colaboración Público-Privada. Resposta social e profesional”, con Marciano Sánchez Bayle, presidente da Asociación pola Defensa da Sanidade Pública de Madrid e secretario de Organización da GADSP; José Vieira, da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas; e Manuel González Moreira, voceiro da Plataforma SOS Vigo.
E para rematar, ás 18:30 horas, Lídia Senra e Manuel Martín levarán acabo “Propostas para reintegrar a Sanidade e os centros de CPP”, un debate aberto con todas as persoas asistentes como colofón aos dous días de postas en común.