- A eurodeputada de AGe participou hoxe en Bruxelas no Cumio Cidadán sobre o CETA con representantes da sociedade, institucións e política
- Lamenta que a Comisión de Agricultura rexeitara, coa posición do Partido Popular e Socialista, emitir unha opinión do acordo UE-Canadá
Bruxelas, 20 outubro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), participou este xoves pola mañá en Bruxelas no Cumio Cidadán sobre o CETA, como se coñece o Acordo Económico e Comercial entre Canadá e a UE que os gobernos do espazo comunitario pretenden asinar o vindeiro 27 de outubro. Durante o acto, no que participaron representantes da sociedade civil, partidos políticos do Parlamento Europeo e autoridades locais e rexionais, a eurodeputada de AGEe asinou unha declaración conxunta que insta á Eurocámara e aos parlamentos dos Estados membro a votar contra este acordo. O texto recalca o risco de perda de control na regulamentación de áreas clave como a saúde e a seguridade alimentaria, o clima e o medio ambiente, o desenvolvemento local e a educación, así como os servizos e contratacións públicas.
Nun acto ao que tamén asistiron pequenos produtores e produtoras de denominacións de orixe que quedarán desprotexidas coa entrada en vigor do CETA, e tendo en conta o veto do Parlamento rexional de Valonia ameazando a sinatura do día 27, Lídia Senra manifestou que “afortunadamente as cousas non están indo como quere a Comisión Europea e nós imos seguir dando a batalla para contribuír a que non se aprobe o CETA”. Con todo, a eurodeputada de AGe lamenta “que a Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo , tendo a importancia que ten o CETA neste ámbito, se negue a preparar unha opinión grazas aos votos do Partido Popular e do Partido Socialista que se opoñen a facelo”. Ningunha das Denominacións de Orixe galegas queda protexida no acordo que, ademais,abre á importación o equivalente ao 0,6 % da produción e do consumo interno da carne fresca de vacún da UE. “Isto vai ter un impacto moi importante para as galegas e galegos, xa que deste sector dependen economicamente as zonas mais desfavorecidas e de montaña”, asegura a eurodeputada.
Lídia Senra aplaude o “non” do Parlamento da rexión de Valonia ao CETA, unha aprobación que puxo de manifesto mediante a sinatura dunha carta conxunta de apoio a Paul Magnette, presidente desta rexión belga, que denunciou mesmo presións para lograr o visto bo ao acordo. “Reivindicamos tamén que as nacións, neste caso a través do Parlamento galego, deberían ter o dereito a decidir sobre acordos deste tipo, polo que instamos ao Goberno galego a poñer en marcha todas as accións necesarias para conseguir que o pobo galego teña este dereito”, pediu tamén a eurodeputada de AGEe.