- A deputada rexistra unha nova pregunta por escrito á Comisión dando conta de carencias no informe de impacto sobre a saúde da poboación
- Pídelle a Europa que se pronuncie sobre se o texto da Xunta cumpre as normativas internacionais para emitir o informe de impacto ambiental
Santiago, 15 outubro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), rexistrou este venres unha nova denuncia no Parlamento Europeo relativa a posibles irregularidades do proxecto de macrovertedoiro de residuos industriais de Lousame. Hai exactamente unha semana Lídia Senra rexistraba en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE) na que lle pedía que investigase o mencionado proxecto e que instase ás autoridades galegas e estatais implicadas a explicar os motivos polos cales un proxecto que vulnera normativas internacionais e nacionais referidas ao coidado do medio ambiente, da calidade das augas, e da xestión de residuos, que debe tender a minimizar o enterramento de residuos, se seguía promovendo. E sete días despois, Lídia Senra ven de rexistrar unha segunda pregunta por escrito, dirixida tamén á Comisión Europea, e centrada desta volta nas carencias do informe de impacto sobre a saúde da poboación afectada emitido pola Xunta de Galiza.
Na súa nova pregunta, a eurodeputada explica que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta lle reclamou no pasado mes de agosto á Consellería de Sanidade que elaborase un informe sobre o posible risco para a saúde humana e os impactos sobre a poboación e medidas correctoras para a súa protección. Non obstante, aproximadamente un mes despois, a finais de setembro, a Consellería de Sanidade emitiu un informe de escasamente media folla, no que obvia totalmente o solicitado e se limita a recoller que a auga de abastecemento das instalacións empresariais do macrovertedoiro deberá ser apta para o consumo humano e que a auga quente dos baños dos vestiarios do persoal deberá cumprir os criterios hixiénico-sanitarios.
Lídia Senra considera que o informe emitido por Sanidade non responde en absoluto ao que pide Medio Ambiente. “Non hai informe sobre o impacto que este macrovertedoiro terá sobre a saúde das persoas que viven na zona de Lousame nin sobre que medidas habería que tomar para protexer a saúde da veciñanza e a calidade das augas e do medio ambiente do lugar”, asegura. “Nós entendemos que esta é unha carencia grave e que, de ningún xeito, a Consellería de Medio Ambiente podería emitir un informe favorable de impacto ambiental”, explica a eurodeputada. “A vista desta realidade entendemos como proxectos que afectan negativamente ao medio ambiente obteñen habitualmente o informe de avaliación ambiental positivo, e unha vez obtido e cando se lle pregunta á Comisión Europea, esta limítase a dicir que consultadas as autoridades competentes do Estado todo está ben”, denuncia a representante de AGEe.
Por eso,Lídia Senra pregúntalle agora á CE se dito informe cumpre cos requisitos establecidos na Directiva 2011/92/UE e se é suficiente para conceder a autorización ambiental integrada ao proxecto que prevé instalar un vertedoiro en Lousame, xusto enriba da aldea do Mirón, con capacidade para 770.000 toneladas de residuos industriais e perigosos e a construción de dúas balsas de lixiviados.
O obxectivo desta pregunta tamén é poñer en antecedentes á Comisión Europea sobre esta situación para que asuma as súas responsabilidades e vele para que as avaliacións de impacto ambiental sexan serias e rigorosas.