- Lídia Senra reclámalle á UE políticas que erradiquen a fame e que poñan fin aos tratados de libre comercio que“contribúen a aumentala”
- A eurodeputada esixe un cambio das institucións ante o Día Mundial da Alimentación e pide que non fique todo en simples declaracións
Santiago, 13 outubro 2016. Con motivo do Día Mundial da Alimentación, que se celebra este próximo domingo, 16 de outubro, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, realiza un chamamento á Unión Europea (UE) para “recoñecer o dereito dos pobos a producir a súa alimentación básica”. “Europa non ten que alimentar o mundo, como se pretende, senón que o que ten é que permitir e promover que cada pobo se alimente a si mesmo”, defende Senra. Para a eurodeputada, “promover e potenciar a agroecoloxía, a agricultura labrega, o acceso á terra, á auga e ás sementes, e priorizar os circuitos curtos de comercialización é fundamental para erradicar a fame, a pobreza e a exclusión social”, ademais dunha “importantísima contribución na loita contra o cambio climático”.
Ante unha realidade na que cada vez máis persoas viven no limiar da pobreza e pasan fame “debido ás políticas de austeridade”, a eurodeputada reclamou esta semana na reunión conxunta da Comisión de Agricultura, de Desenvolvemento e de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria do Parlamento Europeo que as Administracións europeas “aposten por erradicar a fame e non por contribuír a aumentala coas políticas neoliberais e cos tratados de libre comercio”.
Lídia Senra considera que a UE está a fracasar nos seus obxectivos, tal e como se pon de manifesto cando se analiza o pouco avance na loita contra a fame no mundo e a fame existente nos países da propia UE, sobre todo no sur, como consecuencia das políticas de austeridade. No Estado español, por exemplo hai informes que din que o 39% das nenas e nenos teñen carencias na súa dieta ou pasan fame directamente. E na Galiza, o 20,8% dos fogares chegan con moita dificultade ao final do mes, por enriba da media estatal, que é do 16,1%, sendo a terceira comunidade cunha maior porcentaxe de fogares que presentan moitas dificultades, só por detrás de Andalucía e Murcia.
“Mal imos se en lugar de erradicar a fame contribuímos a aumentala”, advertiu a eurodeputada. Neste sentido, chamou ás institucións a abordar o Día Mundial da Alimentación, que este domingo se celebra baixo o lema “O clima está cambiando. A alimentación e a agricultura tamén”, como un reto de cara a mudar as políticas e a situación. Así, reclamou por parte dos poderes públicos que non fique todo en simples declaracións conmemorativas dun día ao ano e que se poñan en marcha medidas efectivas.
Na mesma liña, Lídia Senra quere amosar o seu total apoio ao Tribunal Monsanto, unha iniciativa internacional que, coincidindo co Día Mundial da Alimentación, a partir deste venres e até o domingo xulgará na Haia (Holanda) á multinacional agroquímica, recentemente adquirida por Bayer, Monsanto. Os días 14, 15 e 16 deste mes, unha trintena de persoas, testemuñas e expertas legais dos cinco continentes, testemuñarán na Haia ante cinco xuíces internacionais para contar ante o tribunal simbólico e ao mundo enteiro como Monsanto arruinou a súa vida e a das súas comunidades e medios de vida. Para Lídia Senra, poñer a énfase nestes aspectos e denunciar o dano á saúde, á natureza e á agricultura labrega, causada pola agricultura industrial e química ao longo dos anos é fundamental para poder afrontar unha nova política alimentaria mundial máis xusta e respectuosa cos pobos e cos dereitos fundamentais dos homes e mulleres.
Así mesmo, en liña coa outra fronte de loita na que está inmersa a eurodeputada, Lídia Senra participará esta fin de semana en Vigo nas actividades organizadas con motivo da semana de resistencia global contra os Tratados de Libre Comercio, acordos internacionais como o TTIP, CETA ou TISA que, segundo a membro de AGEe, “non contribúen en absoluto a erradicar a fame do mundo senón todo o contrario, ao ir contra os dereitos de cada pobo a alimentarse a si mesmo”.
Nesta campaña, Lídia Senra participará este venres, ás 20 horas da tarde, na charla coloquio organizada pola Marea de Vigo baixo o título “Consecuencias dos Tratados de Libre Comercio” na que intervirán ademais da eurodeputada, tamén a deputada nas Cortes Alexandra Fernández, o concelleiro Rubén Pérez, e o membro de Plan B Vigo Xabier P. Davila.
Xa o sábado, Senra asistirá á manifestación central convocada en Vigo e que partirá ás 19 horas da Vía Norte baixo o lema “Non aos Tratados de Libre Comercio”.