- A eurodeputada de AGEe estará esta tarde na reunión en Estrasburgo sobre a conxelación dos Fondos Estruturais e de Investimento
- Advirte que as clases populares serán as principais vítimas do neoliberalismo europeo e acusa aos gobernos do PP de ser cómplices
Santiago, 3 outubro 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, estará presente esta tarde en Estrasburgo na reunión conxunta da Comisión de Desenvolvemento Rexional e da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios na que está previsto que se aborde a suspensión dunha parte dos Fondos Estruturais e de Investimento comprometidos para o ano 2017 para o Estado español e o portugués por ter incumprido ambos os países o obxectivo de déficit do ano pasado. Na liña do que leva denunciando desde antes do verán, a eurodeputada galega advirte este luns, á espera de ver o que acontece na reunión desta tarde, que “a chantaxe á que a Comisión Europea (CE) pretende someter ao Estado español coa escusa do déficit é inadmisible, materialícese ou non a conxelación dos fondos”. Segundo a valoración de Lídia Senra, de non mudar, as principais vítimas das políticas impostas pola troika serán unha vez máis “as clases populares, que sufriremos directamente a imposición de novos recortes nos servizos públicos para poder cumprir co esixido por Bruxelas”. Neste sentido, e unha vez máis, Senra reclama “valentía por parte do Goberno do Estado español e tamén do galego fronte á ditadura da UE” e chámaos a deixar de actuar como “verdadeiros cómplices” desta situación.
Para a eurodeputada galega, decídase ou non cancelar parte dos Fondos Estruturais e de Investimento, o Estado español e tamén Galiza sairán perdendo desta situación de imposición europea ao non ter o PP “a valentía suficiente” para plantarse ante a chantaxe. En efecto, xa no último pleno do Parlamento Europeo, a mediados de setembro, o vicepresidente do grupo do PPE, Esteban González Pons, xustificou en resposta oral á propia Lídia Senra, que o Estado español cumprirá cos seus sócios e levará a cabo os recortes demandados.
A reunión desta tarde será retransmitida por vídeo en directo a partir das 18:00 horas, e a previsión é que se prolongue durante dúas horas. A ameaza de conxelación parcial dos Fondos Estruturais e de Investimento ven xa desde antes do verán, cando a Comisión Europea advertiu de que o Estado español debía ter pechado 2015 cun desvío do 4,2% nas súas contas públicas, pero rexistrou un déficit do 5% (5,1% se se teñen en conta as axudas ao sistema financeiro). A situación do Estado español podería supoñer a conxelación de até aproximadamente 1.300 millóns de euros, segundo estimou o propio ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, no Congreso dos Deputados. Enriba da mesa estivo tamén antes do verán a ameaza dunha sanción do 0,2% do Produto Interior Bruto (PIB), que finalmente foi cancelada daquela.
Lonxe deste xogo da chantaxe na que, segundo considera Lídia Senra, o Goberno en funcións do PP está a actuar como “cómplice”, a eurodeputada galega ten feito unha proposta de medidas necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit. Lembramos que serían:
- O primeiro paso debería ir no camiño deque sexan os bancos e as grandes empresas responsables da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros só para pagar os xuros da débeda-. Lexislar para poñer fin á elusión e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais ubicadas en territorios con vantaxes fiscais.
- Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
- Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitana recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
- Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.
Na reunión desta tarde en Estrasburgo, está previsto que interveñan no debate o vicepresidente da Comisión Europea responsable de Emprego e Crecemento, Jyrki Katainen, e a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu. Tras a audiencia, os presidentes, vicepresidentes e coordinadores das dúas Comisións reuniranse a porta pechada para decidir se convocan á CE a unha nova audiencia. A conferencia de presidentes da Eurocámara decidirá este xoves, 6 de outubro, os pasos a seguir.