- Preguntánse se existe relación entre o lume e posibles intereses de grandes empresas en usar as terras queimadas para os seus intereses
- A eurodeputada de AGEe presenta a xornada que este sábado reunirá todo o día en Ourense a bombeiros/as e expertas/os na materia
Santiago, 30 setembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e membro do Grupo Confederal da Esquerda da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este venres un maior esforzo por parte das Administracións públicas para determinar as verdadeiras causas que pode haber detrás dos incendios forestais. Senra compareceu hoxe pola mañá en rolda de prensa en Santiago, xunto á brasileira Bárbara Loureiro Borges, enxeñeira forestal e membro da coordenadora do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), para presentar a xornada “Os incendios forestais na UE. O negocio do lume”, que durante todo este sábado reunirá no Auditorio Municipal de Ourense a bombeiras e bombeiros e expertas e expertos tanto galegos como doutros lugares de Europa e do mundo, para reflexionar e afondar sobre o problema dos lumes no rural.
“Estou profundamente convencida de que detrás dos lumes forestais hai algunhas causas que teñen que ver con usar a posterior eses terreos queimados para intereses concretos de grandes corporacións empresariais, chamémoslle especulación urbanística ou aproveitamento deses espazos para algo. Pregúntome, por exemplo e lanzo esta reflexión sen resposta probada: Existe algunha relación entre todos os curutos dos montes que arderon hai tempo na Galiza e o feito de que despois se instalaran en algún deles parques eólicos? Igual si hai algunha relación. Déixoo no aire”, afirmou Lídia Senra, que chamou a avanzar na reflexión colectiva para atopar unha solución á lacra dos incendios. “Os lumes provocan en moitos casos impotencia nas donas e donos do monte que acaban cedendo o uso dos terreos queimados a moi baixos prezos, tamén sería un tema a analizar”, propuxo a eurodeputada. “Profundizar na relación entre os lumes e o que realmente pode haber detrás na Galiza, na UE e no mundo é fundamental para conseguir acabar con esta lacra”, exclamou.
Lídia Senra criticou que “as Administracións sempre se centran en que o problema ven da man dunhas cantas persoas que son pirómanas e prenden lume simplemente”. “Efectivamente non negamos o feito de que en algún caso poida deberse a isto, pero hai que reflexionar máis alá. Non nos parece que un problema semellante, que afecta a tantos países do mundo e ten carácter internacional, teña simplemente ese motivo”, afirmou. “Non pode tratarse dunha cuestión de piromanía xeralizada no mundo, por iso hai que explorar e ver que intereses hai detrás do lume e se hai causas múltiples cales son para prender as lapas”, engadiu.
Na xornada deste sábado en Ourense, organizada polo propio GUE/NGL e por AGEe e aberta ao público sen necesidade de inscrición previa, participarán como ponentes bombeiras e bombeiros de Galiza e do resto do Estado español, así como traballadores forestais das Administracións públicas, economistas, membros do Sindicato Labrego Galego (SLG), do MST do Brasil, de Unidade Popular de Grecia, da Confederação Nacional de Agricultura de Portugal e tamén os deputados no Parlamento Galego Antón Sánchez e Davide Rodríguez, exalcalde de Manzaneda, ou a membro de Anova Ourense María Conde.
Para Lídia Senra, o importante da xornada será debater en conxunto e facer fincapé en 4 eixos básicos relacionados cos lumes. Así, puxo a énfase en que o abandono do mundo rural xoga a favor do lume e na necesidade de ter claro que a desaparición das explotacións agrarias e que non existan labregas e labregos traballando por todo o país e coidando da terra favorece que o lume se expanda. Tamén criticou o modelo forestal e a proliferación dos eucaliptais como outro dos aspectos clave que contribúe a que o lume se propague. En terceiro lugar, sinalou o cambio climático, que provoca aumento das temperatura e grandes épocas de seca prolongadas como outro aspecto que contribúe a xerar máis dificultade nas tarefas de extinción dos incendios e na rápida propagación das lapas. E en cuarto, destacou a necesidade de manter un servizo público de extinción de incendios con bombeiras e bombeiros forestais e de rematar coa precariedade actual que viven.
Pola súa parte, a brasileira Bárbara Loureiro Borges, que o sábado estará como ponente na xornada, explicou que no 2015 se rexistrou un millón de quilómetros cadrados de área queimada no Brasil, terras que despois son utilizadas maioritariamente para producir para a exportación soia, millo e cana de azucre. A membro do MST criticou o “modelo devastador do monocultivo” e avogou por levar a cabo modelos agrícolas alternativos. “Mudar o sistema agrario é fundamental, hai que ir a un novo modelo de produción, a unha reforma agraria popular, baseada na pequena agricultura, na non explotación das e dos camponeses, e tamén afondar na educación ambiental”, defendeu, para explicar que tamén no Brasil o eucalipto entrou con moita forza nas terras e as multinacionais expulsaron das súas terras ás labregas e labregos para producir pasta de celulosa.
O obxectivo desta xornada é sacar propostas en limpo coa implicación das persoas que viven en primeira persoa o problema dos incendios forestais, para poder despois realizar un mellor traballo de defensa no Parlamento Europeo. “Na Galiza, é fundamental establecer un modelo de agricultura onde haxa labregas e labregos producindo en todo o territorio. O monocultivo, o eucalipto, é un modelo que favorece que o lume se expanda. Mañá sacaremos máis conclusións”, dixo Lídia Senra. “Que hai detrás do lume? Quen se aproveita ao final dos incendios? As grandes empresas, non as pequenas explotacións. Hai grandes intereses detrás da terra queimada para facilitar as condicións para que as multinacionais poidan explotar os terreos que lle interesan. Mañá afondaremos máis”, concluíu a eurodeputada.