- Reclaman da UE instrumentos que aseguren prezos xustos para as/os produtoras/es e un reparto equitativo que evite a concentración
- Para saír adiante, o texto enviado ao Parlamento Europeo deberá lograr o apoio de 376 eurodeputadas/os antes do 12 de decembro
Santiago, 29 setembro 2016. Dez eurodeputadas e eurodeputados de diferentes países da Unión Europea, entre eles a galega Lídia Senra, veñen que rexistrar unha declaración por escrito de conformidade co artigo 136 do Regulamento do Parlamento Europeo, a favor dunha regulación pública da produción leiteira. Agora, ábrese un prazo de tres meses, e as e os impulsores teñen até o 12 de decembro para obter o apoio de polo menos a metade máis un das eurodeputadas e eurodeputados da Cámara. De lograr esas 376 sinaturas mínimas necesarias, a declaración sería aprobada automaticamente.
O texto está promovido ademais de por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederación da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), por Miguel Viegas, João Ferreira, Ángela Vallina, Fabio de Masi, João Pimenta Lopes, Neoklis Sylikiotis e Takis Hadjigeorgiou (todos e todas elas tamén do GUE/NGL) e por José Bové, do Grupo dos Verdes/ALE; e Marc Tarabella, de S&D.
A declaración fai fincapé en que nos últimos anos, decenas de miles de produtoras e produtores de leite en toda a UE foron obrigadas e obrigados a abandonar a produción e asegura que a situación crítica en que o sector lácteo se encontra débese á súa liberalización, tachando de “totalmente inaxeitadas” as solucións presentadas até a data. En efecto, e no tocando a Galiza, esta semana semana coñecíase o dato de que só o 9% das gandeiras e gandeiros galegos pediron a subvención da UE para reducir a produción de leite. Para Lídia Senra, este dato corrobora que a solución non pasa por subvencionar o peche de explotacións leiteiras, como se pretende desde as institucións públicas, senón por levar adiante políticas que permitan manter un rural vivo e un sistema de produción local, con prezos dignos e mercados de proximidade.
As persoas impulsoras da declaración escrita defenden que hai unha “necesidade urxente” de adoptar medidas para axustar a oferta á demanda, así como un mecanismo para asignar dereitos de produción con vistas a resolver a actual discriminación. Chaman tamén a “contrarrestar de forma inmediata o dumping entre os Estados membros” e reclámanlle á CE que estude “a necesidade de introducir instrumentos públicos de regulación da produción e dos mercados que asegure prezos xustos para as produtoras e produtores”, tendo en conta tanto o custo dos insumos como os prezos ao consumo, “co fin de garantir unha distribución equitativa do valor engadido ao longo da cadea de valor do sector e evitar a concentración e intensificación da produción, respectando o dereito a producir de cada Estado membro”.
Segundo datos da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza, nos primeiros cinco meses do 2016, pecharon un total de 222 gandeirías de vacún de leite no noso país, cifra que se suma á crise continua que o sector ven padecendo nos últimos anos.