- Critica o Decreto da Xunta que aproba que a Administración pública respostará en castelán a toda persona que se dirixa nesta lingua
- A eurodeputada considera que a normativa é un claro retroceso na normalización do idioma propio, que nos leva a niveis preautonómicos
Santiago, 17 setembro 2016. “É un claro retroceso no proceso de normalización do noso idioma, que nos leva a niveis preautonómicos”. Así cualifica Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), o novo Decreto polo que se regula a atención á cidadanía no sector público autonómico de Galicia, aprobado este xoves na reunión semanal do Consello da Xunta.
Lídia Senra insta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a dar marcha atrás neste tipo de políticas que van “contra os dereitos do pobo galego e incluso contra as leis que o mesmo PP aprobou no seu día”, en relación ao Estatuto de Autonomía de 1981, á Lei de Normalización Lingüística de 1983 e á Lei do Uso do galego como lingua oficial polas entidades locais de 1988. “Estas tres leis, aprobadas no seu día tamén cos votos do Partido Popular a favor, e co apoio unánime de todos os grupos, recoñecen o galego como lingua propia da Galiza. Sen embargo, en pleno ano 2016, Núñez Feijóo ven de aprobar que as administracións públicas poidan contestar en castelán, un feito de semellante indecencia que fai que a dereita non cumpra nin as súas propias leis”, denunciou a eurodeputada. Ademais, Senra advírtelle ao líder do PPdeG que, de non recuar, o Consello de Europa, igual que xa fixo a principios deste ano no seu informe, volverá tirarlle das orellas á Xunta por non estar a cumprir coa Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
“É unha vergoña que en lugar de dar pasos a prol da normalización do galego, Feijóo utilice a súa maioría absoluta para blindar, a unha semana das eleccións galegas, e no ano do que se cumpre o centenario das Irmandades da Fala, o uso do castelán por parte da Administración pública galega”, defende Lídia Senra. “A nefasta política levada adiante por Núñez Feijóo desde que é presidente da Xunta tivo como consecuencia unha perda importante de falantes de galego e agora, con isto, o que pretende é darlle xa o golpe definitivo para que a lingua do país desapareza”, asegurou.
A eurodeputada lémbralle ao presidente da Xunta que este tipo de medidas van contra o espírito da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que recolle que as autoridades administrativas e servizos públicos das circunscricións do Estado con falantes en linguas minorizadas, como é a galega, deberán comprometerse a velar porque se empreguen estas. “Estamos ante un novo capítulo da política anti-galego de Feijóo”, denunciou Lídia Senra, que vaticinou que este decreto traerá as súas consecuencias a nivel de reprimenda europea. “No último informe do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, recollíase a preocupación deste organismo pola redución gradual da presenza do galego na ensinanza media, coa introdución do modelo trilingüe e o feito de que a proporción do galego se vía reducida no ensino primario e secundario. Cando o Consello de Europa coñeza este novo decreto que reduce o uso do galego na atención á cidadanía no sector público, que será o que van considerar?”, preguntouse Lídia Senra.
Neste sentido, a eurodeputada xa anunciou que denunciará este novo ataque ao galego, dando a coñecer a situación no Intergrupo do Parlamento Europeo de Minorías Étnicas, Nacionais e Linguas Minoritarias de Europa, do que ela forma parte. A representante de AGEe considerou ademais que, como presidente da Xunta, Núñez Feijóo debería estar a cumprir coa lexislación lingüística e, en lugar de aprobar decretos “nocivos e de retroceso para o país” a unha semana das eleccións, “traballar para que o galego sexa recoñecido como lingua oficial no Parlamento Europeo”.