- O Pleno do PE abordará esta tarde os abusos das entidades bancarias no Estado español no caso dos desafiuzamentos e preferentes
- Case 20.000 desafiuzamentos só nos primeiros 6 meses de 2015 constantan a vixencia da crise habitacional no Estado español
Estrasburgo, 05 Outubro 2015. Dende hoxe e até o vindeiro xoves dia 8 estaremos en sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo [ORDE DO DÍA].
Na sesión desta tarde, en resposta a unha pregunta oral emitida pola Comisión de Peticións do PE, a Comisión Europea terase que pronunciar sobre os abusos bancarios cometidos no Estado español, nomeadamente sobre a estafa das participacións preferentes e a vaga de desafiuzamentos “que evidenciou a obscena connivencia entre poderes públicos e financieiros no Estado español”, salienta a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra.
A casa, o noso fogar, é todo. A partir de aí construímos toda a nosa vida. É un elemento central da nosa estabilidade, da nosa seguridade, da nosa dignidade, tanto a nivel individual como colectivo. O banco tamén o é todo. A día de hoxe, até para poder percibir un salario tes que pagar obrigatoriamente a un banco. Este grado de suma dependencia con respecto ás entidades bancarias, fai xa demasiado tempo que se converteu en poder dos bancos sobre a cidadanía, “até chegarmos ao punto de que en plena crise social o poder político preferira ‘rescatar’ bancos antes que persoas”, lembra Senra.
“Os case 20.000 desafiuzamentos executados no que levamos de ano son boa mostra de que o Goberno español non ten vontade ningunha de garantir o Dereito á Vivenda recollido no Artigo 47 da Constitución”, analiza a eurodeputada galega, “hoxe teremos a oportunidade de ver no debate o posicionamento dos partidos maioritarios na Eurocámara, Partido Popular e Socialistas europeos, e estaremos moi pendentes das súas reaccións cando o informe estea listo para votación.”
O brutal ataque ao dereito á vivenda baixo a desculpa da crise económico-financieira, “normalizou para o Estado actitudes de enorme violencia, como é deixar a unha familia na rúa ou xerar situacións de vulnerabilidade tan extrema que leva ás propias persoas afectadas a suicidarse”, salientou Senra, ao tempo que deixou claro que “o Goberno do Estado está disposto a actuar con contundencia para defender os intereses das institucións bancarias por riba dos propios dereitos humanos e as leis do Estado”.
Esta situación de crise social provocada pola depredación financiera “situou a realidade da tremenda desprotección á que está exposta a cidadanía”, alertou a eurodeputada de AGEe, “o poder está disposto a criminalizar a solidariedade, como temos visto tantas veces nos vergoñentos desafiuzamentos, e tampouco lle vai temblar a man en amedrentar con multas a anciás e anciáns que sabe que foron interesadamente estafados polas institucións bancarias”.
Unha das vitorias lexislativas máis simbólicas da loita contra os desafiuzamentos foi a sentencia do Caso Aziz (C-415/11)polo Tribunal de Xustiza da UE (2013), “hoxe a UE ten que voltar deixar clara a súa posición con respecto a estes abusos e, sobre todo, se está disposta a poñerse do lado da cidadanía e defender os dereitos humanos fundamentais”, aseverou Senra.