- Durante o presente ano e parte do 2017 darase a batalla, social e política, para tentar prohibir o emprego do glifosato na Unión Europea
- Hoxe votouse un informe non vinculante que inicialmente propuña a prohibición, máis que finalmente avoga pola ampliación a sete anos
Estrasburgo, 13 Abril 2016. Hoxe o Parlamento Europeo votu unha recomendación elaborada dende a Comisión de Medioambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria do Parlamento Europeo ao respecto da posíbel renovación do emprego do glifosato, compoñente presente na marca comercial Roundup –o herbicida máis comercializado do mundo-, propiedade da polémica transnacional da alimentación transxénica Monsanto, actualmente denunciada no Tribunal da Haya acusada de crimes de lesa humanidade[1].
“Alguén debería explicar por que antes da comercialización da soia transxénica o límite máximo residual de glifosato en soia en Europa e Estados Unidos era de 0,1 mg/kg e a partir do 1996 foi elevado a 20 mg/kg”, cuestionou o pasado luns no debate sobre este punto a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra. “Foron os estudos e as evidencias das empresas, tal vez, as que determinaron elevar este límite?”, insistiu. Os datos do negocio falan por si mesmos: no ano 1974 empregáronse 3.200 toneladas de glifosato, no 2014 825.000 toneladas[2], é dicir, o seu emprego multiplicouse por 260.
Se ben inicialmente o informe votado hoxe avogaba con contundencia por non renovar a licencia deste herbicida, o principal obxectivo do mesmo ficou deturpado tras a aprobación dunha enmenda introducida polo Partido Popular Europeo na se propoñía a ampliación a sete anos[3].
“Hoxe presenciamos un caso paradigmático do poder dos grandes lobbies sobre os partidos políticos. De feito, o luns antes de iniciar o pleno, o PP europeo pedíu introducir un debate sobre este informe que non estaba previsto, como estratexia para tentar frear a alta preocupación que hai co glifosato”, aclarou a eurodeputada galega. “Sen embargo, tamén temos que ser conscientes de que o propio feito de que dende as forzas políticas máis próximas ao lobby transxénico se propuxera valorar a ampliación a sete anos, desbotando a proposta inicial da Comisión ampliala até os quince anos -que é o máximo permitido-, é un síntoma de que non se ben fortes. Cómpre unidade e contundencia, esta batalla podémola gañar”, animou.
Senra tamén criticou que se estea a empregar como argumento a favor do glifosato o seu alto emprego na agricultura, o 76% do emprego total-. “As labregas e labregos somos as primeiras interesadas en que se garanta a seguridade alimentaria”, reivindicou, “deixen de utilizarnos como escusa para protexer intereses contrarios aos nosos”.
No mes de maio a sección de fitofarmacéuticos do Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos votará a preocupante proposta da Comisión de seguir permitindo o glifosato na EU até o 30 de xuño de 2031 . Se non hai maioría abondo, corresponde decidir á Comisión Europea.
“Esta é unha batalla importantísima, trascendental para a nosa saúde, que estase a dar nestes precisos momentos, por iso é moi importante que activemos todas as forzas posíbeis dende todos os eidos: social, político, académico…”, alentou Senra.
A eurodeputada de AGEe co-asinou xa no pasado mes de xaneiro unha carta dirixida ao Comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis, subscrita por máis de cincuenta eurodeputadas/os, na que expresan a súa fonda preocupación polo emprego desta substancia e as manobras de presión exercidas sobre a Comisión Europea e a Autoridade Europea para a Seguridade dos Alimentos (EFSA). AGEe tamén rexistrou unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea denunciando o emprego de glifosato nas fumigacións realizadas pola empresa Ence na Galiza.
[1] A esta acusación podemos engadir múltiples máis realizadas dende América Latina (http://www.eldiario.es/economia/aprobacion-Ley-Monsanto-polemica-Guatemala_0_296421057.html, http://www.pagina12.com.ar/diario/sociedad/3-201610-2012-08-22.html), Europa (http://www.contraosagrotoxicos.org/index.php/noticias/agrotoxicos/346-amigos-da-terra-detecta-glifosato-em-seres-humanos-e-demanda-limitacao-de-uso), India (https://actualidad.rt.com/actualidad/view/147636-monsanto-india-contaminar-mundo-ogm) ou mesmo EEUU, país matriz desta corporación transnacional (https://actualidad.rt.com/sociedad/161657-monsanto-ninos-eeuu-autismo-2025, https://actualidad.rt.com/actualidad/197974-seattle-demanda-monsanto-contaminacion).
[2] http://enveurope.springeropen.com/articles/10.1186/s12302-016-0070-0
[3]Trátase dunha resolución non vinculante aprobada por 374 votos a favor, 225 en contra e 102 abstencións; pide á Comisión que permita só o emprego para usos profesionais e que reconsidere ese permiso cando a Axencia Europea de Sustancias e Mezclas Químicas presente a clasificación armonizada do glifosato.