AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra reclama establecer a renda básica universal a nivel europeo: “Urxe unha UE na que se reparta a riqueza”

9 Maio, 2019 campaña electoral, compromiso por europa, En Marea, europeas, Lidia Senra, renda basica universal europea

Lidia Senra e Luis Villares, na rolda de prensa de hoxe

  • A candidata de En Marea: Compromiso por Europa salienta a importancia destas eleccións europeas, tendo en conta que o 80% das decisións políticas que afectan á vida diaria dos galegos e galegos tómanse na Unión Europea
  • Preséntase aos comicios do 26 de maio co obxectivo de dar continuidade ao traballo feito nos últimos 5 anos e seguir acheando ao Parlamento Europeo a voz dos colectivos organizados no noso país

Santiago, 09 de maio de 2019. A eurodeputada galega e candidata de En Marea: Compromiso por Europa (CPE) ás eleccións europeas do 26 de maio, Lídia Senra, defendeu hoxe como necesidade prioritaria que se estableza unha renda básica universal a nivel europeo. “Urxe unha UE na que se reparta a riqueza e se combata a pobreza. A UE ten os suficientes recursos como para que ningunha persoa viva na pobreza, como para que ningunha persoa estea sen un teito debaixo do que vivir ou sen poder alimentarse correctamente. O establecemento da renda básica universal a nivel europeo é prioritario. Débese actuar en materia laboral para lograr uns salarios dignos que permitan a todas as persoas afrontar a vida de forma digna, e para blindar unhas pensións públicas e decentes”.

Senra mantivo esta mañá un almorzo informativo en Santiago, acompañada polo voceiro de En Marea, Luís Villares, onde deu a coñecer cales serán as súas prioridades de traballo. “É necesario facer fincapé na importancia que teñen as eleccións europeas. Normalmente. como as institucións europeas están moi lonxe, a maioría da cidadanía tende a pensar que non teñen tanta importancia. A realidade é que ao redor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, tómanse na UE, a través de políticas como a PAC (Política Agrícola Común) ou a PPC (Política Pesqueira Común), que notan ben os agricultores e agricultoras e o sector da pesca artesanal cando chegan os recortes das cotas pesqueiras, por exemplo. Por iso, debemos reflexionar, facer unha chamada ás persoas para que o 26M depositen o seu voto non só nas eleccións muncipais, senón tamén nas eleccións europeas”, defendeu.

A candidata dixo asumir o reto de presentarse novamente ás eleccións porque “nos parece importante dar continuidade ao traballo que se veu facendo nestes 5 anos, esa aposta de achegar ao Parlamento Europeo a voz e as problemáticas da cidadanía galega e de todos os colectivos que se organizan no país, que teñen que ver co medio, coa defensa da vida digna, do emprego, etc”.

Os eixos do traballo para estes próximos 5 anos serán continuar con políticas moi concretas nas que se está traballando xa. Neste mandato abriuse o debate e están xa enriba da mesa os regulamentos para a reforma da PAC 2021-2027. Están aprobados os textos xa na Comisión de Agricultura, pero no próximo mandato, os deputados e deputadas que formen o Parlamento terán que tomar a decisión final para aprobar definitivamente a nova PAC. “A proposta resultante da Comisión de agricultura non nos gusta e darémoslle unha orientación totalmente diferente”, explicou Senra.

Outra das cuestións que quedou enriba da mesa é o regulamento do control de pesca. “En nome da PPC estanse facendo reformas que aínda que usan como argumento favorecer á pesca artesanal, o certo é que a PPC está levando a poñer cada vez máis trabas á pesca artesanal e de pequena escala. É un regulamento que ou ten que ser retirado ou ten que haber un compromiso específico de que non vai afectar á pesca artesanal”, dixo.

Lídia Senra tamén avanzou que loitará contra a redución dos salarios e por uns prezos dignos agrícolas que cubran os costes de produción. “Débense reforzar os servizos públicos e de calidade e acabar coa precarización dos traballadores e traballadoras e das administracións públicas. Neste sentido, quero amosar todo o meu apoio ao colectivo de enfermeiras eventuais que están en loita e que o próximo domingo teñen unha acción de protesta nesas oposicións, apoio a todos os traballadores e traballadoras en precario”, afirmou.

Frear o cambio climático tamén é para a candidata unha loita imprescindible. “Hai que cumprir os compromisos dos Acordos de París para reducir as emisións, pero que ninguén pense que con moitas medidas cosméticas se resolve o problema. Hai que ir ao fondo, aos modelos de desenvolemento e á redución do consumo de enerxía”, defende.

Outro dos eixos principais do traballo de Senra seguirá sendo o compromiso coa igualdade. “Seguiremos dando a batalla para que se respecten os dereitos das mulleres. Urxe poñer en marcha unha directiva europea para erradicar a violencia machista”.

Así mesmo, reclamou que se cambie o Mecanismo Financieiro Plurianual. “Non compartimos as prioridades que establece a UE en canto ao reforzo armamentístico ou a construción dun exército europeo. Os orzamentos teñen que ir para construir a cultura de paz e garantir os servizos públicos”, zanxou.

Senra levará a cabo unha campaña electoral centrada sobre todo en encontros directos con colectivos por todo o país.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra

Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito

26 Maio, 2019
Lidia Senra comprando no mercado de teo

Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei”

25 Maio, 2019
Vista xeral_2592x1460

Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade

24 Maio, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies