AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

O PP bloquea no PE unha petición sobre o uso de fondos europeos por parte da Xunta en materia de incendios

21 Febreiro, 2019
  • A asociación Petón do Lobo denunciou onte no Parlamento Europeo o emprego incorrecto de fondos europeos na política forestal galega
  • Representantes do PP español, con Millán Mon á fronte, acudiron á Comisión de Peticións para impedir que a UE investigue esta situación

Bruxelas, 21 de Febreiro de 2019. Máis da metade da superficie queimada no Estado español está na Galiza, onde se produce un 70% de tódolos incendios. A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo acolleu na tarde de onte a denuncia de Ismael López en nome da Asociación Petón do Lobo ao respecto desta problemática. As propostas sobre as que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo tiña que posicionarse eran manter aberta a petición pedindo máis información ás autoridades galegas e/ou estatais a fin de investigar esta situación e organizar unha visita de europarlamentarias/os a Galiza para comprobar in situ o que está a pasar, ou pechar a petición.

Esta decisión sométese ao voto dos/as eurodeputados/as presentes. O deputado galego do Partido Popular Francisco Millán Mon e o grupo de eurodeputadas/os do Partido Popular votaron en contra de que esta petición ficara aberta. Malia a que distintos grupos políticos votaron a favor da mesma, ao ter maioría o PP logrou cubrirlle as costas á Xunta ante unha posíbel investigación da Unión Europea sobre os verdadeiros motivos que fan que o noso País arda ano tras ano. Unha vez máis, comprobamos como o Partido Popular antepón os intereses de empresas como ENCE, Greenalia, etc. aos dereitos sociais, económicos e ambientais do pobo galego.

Uns minutos antes, na súa intervención a Asociación Petón do Lobo denunciara que a Xunta de Galicia malgastou os fondos FEDER -Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional- destinados á prevención de riscos e á xestión de incendios forestais no periodo2014-2020, subliñando ademais a falta de transparencia do Goberno galego no referente á información sobre superficies queimadas e aos custos dos plans de extinción de incendios. Dende o ano 2009 a Xunta só informa á poboación cando os incendios xa calcinaron máis de 20 hectáreas, un dos motivos polos cales, malia a que os datos oficiais falan dun menor número de incendios, a superficie queimada é maior que en anos precedentes.

IsmaelLópez_PetónDoLobo_210219
O peticionario, Ismael López, en representación da asociación Petón do Lobo

López pediu tamén que se aborden as causas estruturais dos lumes e non unicamente a extinción, incrementando a inversión en prevención, avaliando os riscos que existen actualmente no monte galego e revisando os obxectivos do plan forestal da Xunta, que data do ano 1992. “A Xunta aplica un Plan forestal obsoleto, caduco, que parte dun diagnóstico da realidade que fai xa tempo que non está vixente. Vai seguir a Comisión despilfarrando fondos comunitarios dándollos á Xunta de Galicia, que non só non fai nada para solucionar os problemas estruturais do monte senón que centra todos os seus recursos no “negocio” da extinción?”, cuestionou o representante da Asociación Petón do Lobo.

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2019/02/PetonDoLobo_ComPETI_200219.mp4

 

Diante desta situación,  solicitou ao Parlamento e á Comisión que instasen á Xunta de Galicia a establecer unha moratoria indefinida para novas plantacións de especies do xénero Eucalyptus e a prohibición do cultivo do Eucalyptus nitens. “A Administración debera establecer medidas para a progresiva erradicación destas especies en todo o territorio, con especial atención aos espazos naturais e ás terras agrarias, ademais de prohibir que se repoboe con ningunha das especies do xénero  Eucalyptus na Rede galega de espazos protexidos, así como incrementar a xestión pública dos montes e a protección dos montes veciñais en man común”, ao tempo que subliñou que namentras a Xunta non mude o seu modelo de xestión forestal as institucións europeas estarán a ser “cómprices da destrución do monte galego” .

A eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra tomou a palabra na Comisión de Peticións para secundar as denuncias trasladadas por Ismael López, abondando en que ademais da eucaliptización tamén o abandono do medio rural -en grande parte vinculado ao tipo de medidas que impulsa a Política Agraria Común- pon en risco os nosos montes. “Está ampliamente demostrado que onde hai labregas/os e animais pacendo e limpando os montes o lume, se prende, non avanza”, reiterou.

Senra-ComPETI_LUMES_210219 (10)
Intervención da eurodpeutada Lídia Senra (GUE/NGL)

Senra pediu ademais que a Comisión realice “un seguimento estrito dos dous millóns de euros concedidos para substituír eucaliptos por frondosas, porque a realidade é que o propio Goberno galego está vulnerando a súa normativa”, situación que corroborou ensinando unha fotografía de xaneiro deste ano na que se podía apreciar unha superficie de bosque autóctono da Terra de Lemos pinchada e substituída por eucaliptos, malia a que segundo os propios modelos silvícolas da Xunta debería estar prohibido.

Senra_DistritoVIII_ComPeti_200219-2

“Pódese afirmar que a Xunta de Galicia promove un modelo forestal altamente inflamábel contrario aos obxectivos de loita contra o cambio climático”, alertou, xa que a propia Comisión recoñece que a plantación de especies arbóreas forestais moi inflamábeis -e o eucalipto éo- facilitan a ignición e favorecen la propagación de los incendios. “A pasividade das autoridades galegas é total”, denunciou Senra, “os fondos públicos, diñeiro das e dos contribuíntes europeos e europeas, non está sendo empregado correctamente se a Xunta segue a permitir plantar especies altamente inflamábeis.”

 “Dende o noso punto de vista a Comisión e o Parlamento deberían de pronunciarse ao respecto de se están dispostos a sacrificar o emprego, a biodiversidade e a economía da Galiza, permitindo o monocultivo de eucalipto, e tamén se esta opción ten algo que ver co abastecemento da planta de biomasa que Greenalia pretende construír en Teixeiro por riba dos dereitos sociais e medioambientais do pobo galego”, apuntou.

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2019/02/Senra_ComPeti_200219.mp4

 

A eurodeputada galega tamén informou á Comisión da grave situación de precarización que padecen as persoas que traballan nas labouras de prevención e extinción, ao tempo que chamou a atención sobre o feito de que a externalización deste servizo a empresas privadas está sendo máis cara que a contratación directa da propia Administración pública. “Queremos que o operativo de loita contra o lume sexa único, público e profesionalizado”, reivindicou.

“A Xunta está a manter un modelo de resultados pésimos. E as institucións europeas deberían investigar o motivo, xa que para manter ese sistema estanse empregando fondos comunitarios. A contratación de medios aéreos, por exemplo, está a ser investigada pola audiencia nacional por unha suposta relación entre administracións e empresas adxudicatarias, e tamén polo posíbel pacto de prezos para repartirse as adxudicacións no Estado español”.

Finalmente, logo da intervención do representante da Asociación Petón do Lobo, de Lídia Senra e doutros deputados e deputadas presentes na sala que secundaron os argumentos expostos polo peticionario Ismael López, os deputados/as do Partido Popular español presentes nese momento no Comité de Peticións votaron en contra de que a UE afondase na investigación desta situación.

 

ComPETI_LUMES_210219 (6)
Sala da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo durante a defensa da petición de Petón do Lobo

Votos:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2019/02/Votos-LUMES_PETI_committee210219.mp4

 

Intervención final de Ismael López en representación da asociación Petón do Lobo:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2019/02/2-PetonDoLobo_ComPETI_200219.mp4

 

Debate completo:

 

Imaxe de portada: La Sexta, lumes en Galiza 2017.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra

Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito

26 Maio, 2019
Lidia Senra comprando no mercado de teo

Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei”

25 Maio, 2019
Vista xeral_2592x1460

Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade

24 Maio, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies