- Reuníronse con un representante do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Medioambiental da Comisión Europea
- Proxectos eólicos, negocio eléctrico, minas, contaminación de augas e especies invasoras, principais ameazas enfrontadas pola poboación
Bruxelas, 20 de Marzo de 2019. Representantes da Plataforma Non á ampliación da depuradora de Lourizán (Pontevedra), Plataforma Veciñal de Sanxenxo, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos (Teo), Plataforma Salvemos Catasós (Lalín), Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola recuperación do río Sar,Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural (Coristanco), Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta,Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, Comisión de Seguimento da minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde (Rois), Sindicato Labrego Galego e ContraMINAcción, acompañadas ademais pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao, trasladaron hoxe no Parlamento Europeo en Bruxelas, convidadas pola eurodeputada da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra a denuncia da situación de ataques ao noso medioambiente que incorre no incumprimento de varias directivas europeas.
Logo dun espazo de debate e análise ca eurodeputada Lídia Senra, as representantes das 15 organizacións desprazadas a Bruxelas mantiveron un encontro con José Manuel Servert, membro do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Mediambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
Leandro del Río, membro da Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, describiu a situación dun territorio “onde se produce a meirande concentración de industrias altamente contaminantes de Galicia”. A central térmica de Meirama, a mina de lignito d´As Encrobas, a subestación eléctrica de Mesón do Vento, minería de superficie vinculada ao seixo, áridos e arcillas, SOGAMA, o vertedoiro d´A Areosa ou a ameaza dun futuro megaparque eólico teñen convertido a comarca nun “territorio de sacrificio, un territorio enfermo que debe ser curado”.
Fronte a esta situación de contaminación múltiple, “fomentada pola propia Administración”, Del Río pediu aos representantes da CE que se leve adiante “unha investigación que aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos na Galiza foi correcta”. Fixo fincapé tamén na necesidade urxente de presionar dende a UE ao Estado español “para que mellore a calidade técnica da lexislación e das normativas relativas a medioambiente e sanidade ambiental”, esixindo “un maior control e transparencia na tramitación de autorizacións”, canda o “seguimento exhaustivo de calquera actividade industrial que afecte ao medioambiente e saúde das persoas”.
A Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes denunciou tamén diante dos representantes da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea a limitación de prazos de exposición pública de proxectos que afectan á saúde, contraria á propia Directiva Medioambiental europea vixente, operada pola Xunta de Galicia a través da denominada Lei de Depredación de Galicia.
Incrementar os medios dispoñíbeis, así como crear xulgados específicos en materia medioambiental dotando de máis medios á Fiscalía, así como o desenvolvemento dunha política efectiva en canto a produción e tratamento de todo tipo de residuos.
Concretando inda máis a descrición da situación da comarca, seguidamente Daniel Veiras trasladou as reivindicacións da Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, concello de Ordes. Veiras fixo fincapé en que nun radio de tan só 3.5km detéctase “contaminación de augas por mor das filtracións e fugas do vertedoiro da Areosa, contaminantes tóxicos no aires liberados polas combustións de SOGAMA, GESUGA e a Central Térmica de Meirama”, ao que hai que engadir cheiros constantes provintes do vertedoiro da Areosa, ruído constante polo continuo movemento de camións que descargan lixo as 24h do día, ao que hai que engadir a perda de lixiviados e outros restos durante o transporte así como a contaminación lumínica. “A situación é insostíbel. Non se trata de simples molestias ou dunha situación accidental, senón dun grave problema que ten degradado absolutamente a nosa calidade de vida. Non só nos referimos a Lesta, estes problemas afectan actualmente ás 176.000 habitantes de la cunca do río Tambre, incluídos polo tanto as e os habitantes e visitantes de Santiago de Compostela”, explicou Veiras.
A estas preocupacións vense de engadir unha nova ameza: o proxecto de construcción dun novo vertedorio de resituos industriais que ocuparía unha superficie inicial de 13 ha, cun vertido de case 1 millón 700 mil toneladas, durante 20 anos. Situaríase a tan só 400 metros do macrovertedoiro da Areosa, que será denominado como vertedoiro de Lesta, e situará o lixo a menos de 500 metros das vivendas da veciñanza.
Para a Plataforma resulta totalmente improcedente que a Xunta de Galicia teña cualificado de favorábel a correspondente avaliación de impacto ambiental xa que, ademais de pór en claro risco a biodiversidade da zona, “o proxecto carece dun plan de seguridade ante un vertido accidental; non se xustificou convenientemente a elección de alternativas para la instalación do vertedoiro; incumpriría a lexislación urbanística, xa que son instalacións para actividade industrial, prohibida en solo rústico; a depuradora proxectada sería insuficientemente para a cantidade de lixiviados que produciría o vertedoiro e non se tiveron en conta datos e requisitos ambientais que garantan a saúde pública”.
Xa que logo, habida conta de que “a xestión do lixo na Galiza consiste en acumular e concentrar todo nun punto xeográfico”, a Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes solicitaron que dende as institucións europeas se teña en conta os impactos acumulados que afectan á poboación e impidan autorizar un novo vertedoiro; que sexan consideradas as especies protexidas presentes na finca e sexa denegada a autorización do vertedoiro de Lesta e que sexan esixidas todas as medidas precisas para evitar accidentes, incluíndo un plan de evacuación. “Non pedimos nada extraordinario, só respecto e dignidade. Só aire, auga e terra limpas para nós e para as nosas fillas e fillos”.
Para finalizar, Daniel Veiras convidou ao representante da Comisión Europea a “sentar no banco máis pestilente do mundo, situado en fronte do macrovertedoiro da Areosa e próximo a GESUGA, o noso xeito de facer visíbel e denunciar a insostíbel situación á que estamos expostas os milleiros de persoas que habitamos nesta contorna”.
A Plataforma Casalonga Libre de Residuos, a través do seu membro Jaime García, deu as claves da situación á que se enfrontan as 2.000 persoas que habitan nun radio que ocupa arredor de 2km cadrados próximo á Planta de Tratamento de Residuos de TOYSAL, que recolle residuos do tratamento de auguas urbanas e industriais, lodos xerados polo tratamento de residuos agroalimentarios, purins e esterco, residuos de matadoiros e orgánicos de diversas orixes, ácido para a unidade de evaporación, cloruro férrico para desulfuración, entre outros.
“Atopámonos nunha situación na que se está a producir unha grave degradación medioambiental de varias parroquias de Teo, Ames, Rois e Padrón e, a medio prazo de toda a cunca do río Sar ata Ría de Arousa, única e exclusivamente para que Toisal obteña beneficios económicos”, resumiu García. “Ademais a cantidade hipotética de residuos que pretende introducir a empresa é moi superior á producida en toda Galicia, do cal extraemos a conclusión de que o que en realidade se pretende é importar residuos, convertendo Galiza nun vertedoiro de Europa”.
Para a Plataforma Casalonga Libre de Residuos o feito de que non exista unha lexislación homoxénea en toda a UE en materia de vertedoiros favorecerá que certas empresas, co fin de eludir normativas máis estrictas, leven os residuos ata territorios onde as leis sexan máis laxas. Para abordar esta situación, solicitaron “a protección da Unión Europea para que protexa o noso medio ambiente, homologando as normas de tódolos países e prohibindo o tráfico de lixo dentro das fronteiras da UE. A Unión Europea no debe permancer pasiva ante o florecente negocio do tráfico de lixo”, e subliñaron que “ten que ser responsabilidade de cada territorio reciclar os seus residuos, cumprindo co fin último da economía circular”.
Tomou a continuación a palabra Elena Vázquez, integrante da Plataforma Mina Touro-O Pino Non, quen describiu pormenorizadamente os problemas que segue a provocar a antiga mina así como as carencias do novo proxecto presentado pola empresa COBRE SAN RAFAEL SL. Das case 700 hectáreas de terreo que comprende a explotación nova, aproximadamente a metade son solo rústico e forestal en produción.
O terreo que contempla esta explotación convertiranse en 10 enormes buratos para explotar 102,74 millóns de toneladas de mineral de cobre, para obter 422.885 toneladas de cobre metal, das que se recuperarán 356.464 toneladas. Para iso eliminarán 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación natural. Ao longo do periodo de explotación haberá case 300 hectáreas ocupadas con 2 depósitos de residuos estériles e 4 escombreiras, todos a moi pouca distancia de núcleos de poboación habitados.
Está previsto que a mina opere as 24 horas dos 365 días dos 15 anos estimados de extracción de mineral, con voladuras de roca a diario, nas que se usarán entre 9 y 16 toneladas de explosivos en cada unha, xerando movementos sísmicos no terreno a diario nunha zona con alto contido en sulfuros e repleta de residuos procedentes de lodos de depuradoras e tratados como tecnosoles.
Á vista desta situación, a Plataforma Mina Touro-O Pino Non solicitou ao representante do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Medioambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisón Europea que valore a posibilidade de abrir unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta de Galicia, os concellos afectados e/ou as empresas están vulnerando as normas de dereito internacional.
Dentro desta investigación apuntaron a pertinencia de que persoal técnico comunitario se desprace a coñecer “esta aberrante situación sobre o terreo”, así como iniciar medidas que permitan instar á Xunta de Galicia a que obrigue ao titular da concesión mineira a proceder á “restauración de chans e augas -subterráneas e superficiais- contaminadas pola anterior e a actual actividade mineira, un estudo sobre a repercusión nas augas do abandono da anterior explotación, así como a la realización dunha investigación exhaustiva para dilucidar as causas e culpábeis da desaparición do xacemento arqueolóxico Castro da Copa, catalogado como ben patrimonial no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Touro, no Plan Básico Autonómico e rexistrado no catálogo e bens patrimoniais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia”.
Suso Noya foi o encargado de trasladar as análises, denuncias e reivindicacións da Plataforma pola Recuperación do Río Sar, que cualifican de “río agonizante”, constituída no ano 2011 co obxectivo de evidenciar a contaminación deste cauce fluvial revindicando o coidado e defensa da súa biodiversidade ao tempo que dan a coñecer o seu valor etnográfico e patrimonial.
A parte máis afectada do Sar é precisamente a declarada como Zona Especial de Conservación e Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000 (LIC Ulla-Deza), onde tanto a contaminación fluvial en si mesma como a presenza de eucaliptos na súa contorna, provocando alteracións que afectan ou eliminan poboacións completas de especies en perigo de extinción. “Esta situación de contaminación e destrución constante de hábitats, sen que as nosas autoridades tomen en serio a súa regularización, é unha burla á propia lexislación ambiental e pon en evidencia a vulnerabilidad dos nosos espazos protexidos”.
Noya argumentou que se trata dunha problemática plurimunicipal, pormenorizando na situación da EDAR de SILVOUTA (Santiago de Compostela), e da EDAR de SISALDE en Bertamiráns (Ames), e reiterou, ao igual que as demais organización presentes, que a situación descrita é incompatíbel co correcto cumprimento das Directivas meidoambientais europeas, solicitando que a Comisión Europea estableza mecanismos que realmente garantan o respecto destas normas.
Ademais, no referido á súa denuncia concreta, sinalaron a pertinencia da elaboración dun Plan Integral do Sar, que permita “pór fin aos vertidos, rexenerar as súas augas e restaurar a súa contorna, recuperar e protexer os seus elementos etnográficos e patrimoniais, e converter o río Sar nun grande corredor verde que permita realzar o seu valor como recurso natural e emblema do patrimonio fluvial de Galicia”.
Ampliando a denuncia do estado das augas no noso país, Francisco Castro Barreiro, membro da Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres, introduciu a súa intervención apuntando claves da historia da parroquia de Lourizán, fortemente afectada pola construción dunha autovía que a divide e polo recheos de máis de 700 mil metros cadrados no banco marisqueiro máis importante de Galicia para proceder á construción dunha papeleira, ENCE, que posteriormente sería privatizada.
Os problemas na depuración das augas na Ría de Pontevedra foi denunciada pola propia Comisión Europea no ano 2014. No ano 2016 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou o incumprimento reiterado do tratamento das augas residuais da ría, sinalando asemade o “indubidable risco para a saúde pública” orixinado por un deficiente saneamento. O risco ao que se enfrontan agora, relatou Castro, e a ampliación da depuradora e o proxecto dun novo emisario submarino. “A ampliación supón, segundo a Xunta de Galicia, triplicar a instalación actual en terreos que no seu día foron lámina de auga e un banco marisqueiro que era a economía principal da contorna. Actualmente a depuradora recolle as sustancias de refugallo de máis de 130 mil persoas, aumentando esta cifra coa chegada dos turistas da estación estival. Sobra dicir que o seu funcionamento deixa moitísimo que desexar, proba diso as multas coas que as institucións europeas condenan ao Estado español”.
En maio do ano 2018, o director de Augas de Galicia deulle a coñecer á Comisión de Seguimento do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra o proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres, que pasaría a ter o dobre de capacidade e ocupar o dobre de espazo en terreos contiguos á actual. Sen embargo, denunciou ante a Comisión Europea esta Plataforma, “despois de tres anos de xuntanzas non trascendeu de ningún asistente nin unha pinga de información. Ademais a Xunta encargou un estudo que nunca deu a coñecer sobre o saneamento da Ría de Pontevedra, que nós conseguimos a través de Augas de Galicia, pero que malia iso e a existir unha partida de gasto que o xustifica, a Xunta di publicamente que non existe”.
O que si foi exposto publicamente foi o anteproxecto do emisario submarino, que recibiu máis de cincocentas alegacións procedentes de colectivos e de cidadáns en particular, “e ás que a Xunta de Galicia non quere nin pretende responder”. A oposición á ampliación da depuradora, e a posición común para demandar un correcto saneamento da Ría é tal que “mesmo existe un acordo plenario de toda a corporación municipal de Pontevedra que rexeita a ampliación e o emisario, e tamén, moito máis importante dunha poboación que demanda xustiza e dignidade. Non Á ampliación da depuradora. Si ao saneamento da nosa Ría”, concluíu o integrante da Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres.
As demandas da Plataforma Non Eólicos en Ordes foron trasladadas a través de Jéssica Rey, quen alertou de que “unha enerxía a limpa como é a eólica pode acabar destruíndo un territorio, mái inda tento en conta os impactos acumulados que temos nesta comarca e que xa citaron outras plataformas”.
A distancia mínima de 500 metros entre os muiños e as casas fixada por lei, relatou Rey, “non só son insuficientes senón que nin se quera se están a cumprir nestes proxectos”. Preocupa ademais especialmente “a destrucción do patrimonio vinculado aos castros, mámoas e ao propio Camiño de Santiado, a industrialización desta paisaxe rural e a máis que posíbel despoboación vinculada aos efectos negativos destas instalacións na saúde e no medioambiente”.
A nivel agrario ademais, resulta totalmente contradictorio que este proxecto estea planeado nunha comarca declarada como de especial interese agrario pola Xunta de Galicia no ano 2007. Paralelamente, esta instalación sería unha peza máis do grande negocio das redes eléctricas, sendo especialmente chamativa a introducción de capital de Arabia Saudí.
Tamén de redes eléctricas falou Antón Blanco, da Plataforma Salvemos Catasós, unha aldea de Lalín que se enfrontou a unha liña de alta tensión de Gas Natural Fenosa que implicaba talar a Fraga das Casas Vellas composta por arredor de 2.000 árbores. Dando azos a todas as persoas que adican grande parte do seu tempo e recursos a loitar por unha saúde medioambiental que redunda no benestar social, explicou os procesos dunha loita que deu inicio no ano 2007, cando se presenta o proxecto, avanzou ca presentación de alegacions no 2011 e tomou forma ca constitución da plataforma no 2014.
“Pero ademais da vía xudicial, foron moitas as accións colectivas que levamos adiante para sensibilizar e informar. Dende roteiros, até a recollida de máis de 11.000 firmas ou manifestacións. Conseguimos ter o apoio do pobo de Lalín e doutras asociacións, pero tamén do Consello da Cultura Galega, docentes universitarios e o Concello”. A loita finalizou ca vitoria da veciñanza, recollida nunha sentenza emitida no ano 2007 polo Xulgado Administrativo N3 de Pontevedra e neste mesmo ano 2019 por unha segunda senteza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza.
“No noso caso fixemos fronte a unha tentativa de expolio por parte da Xunta de Galicia e o anterior goberno do Concello de Lalín, pero xuntas e xuntos somos máis fortes e podemos levar adiante con éxito as estratexias de loita e defensa do noso patrimonio”, reivindicou Blanco.
Continuando na liña das infraestructuras do negocio eléctrico, José Antonio España Faqué, membro da Plataforma Non Eólicos Bustelo–Campelo –Monte Toural, relatou que hai uns mese comezaron a publicarse os proxectos de tres parques eólicos previstos no entorno do espazo natural da Braña Rubia, nos concellos de Coristanco, Carballo e Santa Comba. Isto suporía a instalación de 27 novos aeroxeradores, ademais de toda a rede de viarios, cableados, estacións colectoras e dunha Liña de Alta Tensión que daría saída á enerxía producida desde O Campelo ata O Mesón do Vento.
“Para a veciñanza é importante a produción de enerxías limpas e renovables pero iso non significa que esteamos a favor da destrución do rural. Cremos que a localización destes parques non é a adecuada. Non hai unha ordenación do territorio. O que se traduce nunha aglomeración de parques eólicos nunha mesma zona cun importante impacto ambiental e social. Xa que temos que sumar as instalacións xa existentes”, aclarou.
Ademais, explicou, todo apunta a que se trataría dun parque unitario, que é fragmentando para poder ser tramitado pola lexislación autonómica – máis laxa e rápida aos intereses da empresa en detrimento dos intereses da veciñanza – en lugar de pola lexislación estatal. “Se observamos os planos destes parques eólicos, podemos ver como se superpoñen as respectivas áreas poligonais. Hai incluso dous eólicos que estarían situados dentro da área dos tres parques á vez.”
José Antonio España, enumerou a continuación algunhas da afeccións ambientais, sociais e socioeconómicas que tería este proxecto no caso de ser levado adiante. Entre elas as consecuencias para a Braña Rubia, proposta para ampliación da Rede Natura 2000 feita no 2008, e para a lagoa de Alcaián, situada dentro da braña, que aparece dentro do Catálogo de Humidais de Galicia e tamén no Catálogo de Paisaxes de Galicia coa categoría de área de Especial Protección Paisaxística. “Compre lembrar que so o 5 % do territorio europeo son brañas, polo que deben ser espazos protexidos, sen embargo pretendena rodear de turbinas”.
A nivel social, estas instalacións alteran o modo de vida da poboación afectada, sendo ademais recollido en distintos estudos que o ruído e as vibracións procedentes destes muíños podería estar detrás dun aumento dos problemas de saúde nas poboacións cercanas. “Neste megaparque, hai o caso dalgunha vivenda situada a uns 400 metros dos aeroxeradores, por debaixo dos 500 metros que establece o Plan eólico de Galicia, Por certo, cando se redactou este plan, hai máis de 15 anos, os muíños eran de menos dun megavatio de potencia e de entre 30 e 40 metros de altura, nada que ver con estes de máis de catro megavatios e 180 metros de altura. Polo tanto, a distancia marcada polo citado plan quedaría moi curta.”
Socioecómicamente este proxecto conlevaría unha perda da base territorial, tanto forestal como agrícola e gandeira, o que posíbelmente destruiría postos de traballo vinculados a estes sectores, ademais da eliminación do interese turístico da zona. “Non esquezamos os efectos negativos para a gandería xa que, igual que os humanos percibimos os efectos negativos do ruído e as vibracións das turbinas, os animais tamén os senten e aféctalles ao organismo e consecuentemente á produtividade. Isto acabaría coas explotacións gandeiras existentes e eliminaría calquera posibilidade de pór en marcha novas iniciativas deste tipo. A instalación deste megaparque é totalmente prexudicial para a zona, para o territorio, a flora, a fauna e as persoas que vivimos na comarca. E consideramos que a mellor opción é non levalo a cabo”.
Margarida Prieto Ledo, representante do Sindicato Labrego Galego na rede ContraMINAcción, creada no ano 2013 en torno á loita para parar o proxecto de extracción de ouro de Corcoesto, na zona de Bergantiños (Costa da Morte). A día de hoxe está integrada por mais de vinte colectivos e plataformas veciñais de todo o país traballando en rede.
Prieto explicou ao representante da CE que Galiza e na súa maioría rural (88% do territorio), concentrando o 35% da poboación galega. A actividade agraria é fundamental pero, sen embargo, un dos principais atrancos co que se atopan as nosas explotacións é o acceso á terra. “Dende as Encrobas ata a Baña unhas poucas empresas levan moitos anos promovendo a usurpación das terras agrarias para dedicalas a produción de enerxía, de minerais e de celulosa. Os nosos gobernos levan anos apostando por estes grandes proxectos supostamente salvadores do noso rural e co lema “Galicia é unha mina” e con campañas de márketing nas escolas pretenden que estes proxectos agromen en todo o territorio e se vexan, ademais, como unha alternativa”, alertou.
Se ben o proxecto de Corcoesto parece paralizado definitivamente, a día de hoxe varios proxectos seguen a supor unha ameaza social e medioambiental, incidiu a representante da rede ContraMINAcción. Enumerou algunhas delas, como as minas de seixo de Erimsa na Terra Cha, que afecta a 5.700. Neste caso, malia que o conflito comezou no ano 2006, logo de 12 anos e varios contenciosos perdidos por parte da empresa, as concesións non son non foron anuladas senón que Erimsa continua a pedir licencias e recorrer as denegacións no contencioso, pretendendo explotar na comarca de Compostela e Ordes, unhas 8.000 ha nos concellos de Oroso, O Pino, Santiago, Ordes e Frades e Mesía.
Outro exemplo é a antiga mina de wolframio e estaño de San Finx en Lousame (A Coruña) que a empresa Sacyr quere reabrir, e que está a provocar unha importante contaminación por metais pesados no rio San Fins, que desemboca na ría de Muros e Noia, con bancos de marisqueo dos que viven milleiros de familias.
Outro caso é tamén o da empresa Cementos Cosmos en Triacastela, que ademáis de estar sobre unha zona arqueolóxica declarada BIC, non cumpre a normativa ambiental, carecendo de avaliación de impacto ambiental e proxecto de explotación (estando en rede Natura e afectado a dous cauces fluviais). A pesar disto a administración está a permitir que funcione con total normalidade.
Asemade, sobre os municipios de Touro e O Pino planea a ameaza dun novo proxecto mineiro para a extracción de cobre a ceo aberto, o que implicaría moitos danos socioeconómicos e ambientais irreparables, afectando a 700 ha ampliables. Afecta a unha zona donde a actividade agraria fundamentalmente de explotacións de vacún de leite e carne, o redor de 200 granxas (5000 cabezas de vacún) están ameazadas o perder a súa base territorial. A estas actividades engádense outras que se eliminarían dos sectores agroalimentario, forestal e turístico vinculadas principalmente ao Camiño de Santiago.
“A situación que temos neste momento é moi preocupante. A administración leva anos facilitándolle o camiño ás mineiras, preparándolles a normativa á carta, incumprindo os poucos controis existentes e saltándose a normativa ambiental o seu antollo. O exemplo máis brutal de normativa o servizo destas empresas foi a aprobado no ano 2017: a chamada Lei de Implantación de Actividades Empresariais. Unha normativa tramitada con carácter de urxencia, evitando os controis legais e sociais e que modifica normativas da Lei de Minas, Lei de Montes, a Lei de Proxectos Industriais e normativa ambiental, de augas etc. con grande incidencia na aprobación de proxectos, xa que en base a simplificación normativa vanse eliminar controis que eran fundamentais a nivel medioambiental”, abondou a representante de ContraMINAcción.
Xunto a estas modificacións a nivel normativo feitas á medida das empresas, a Xunta está a demais a incumprir reiteradamente as normas vixentes. “Oculta informacións dos dereitos mineiros, transmíteos estando caducados, e négase a declarar as caducidades. Temos continuos incumprimentos na normativa ambiental e de augas e tamen está a permitir fraccionar os proxectos para que non se avalíe o impacto real que no futuro van ter, incumprimentos aos que hai que engadir todos os vinculados á restauración e control de explotacións abandonadas”.
Pero ao mesmo tempo que se dá toda esta complicidade coas empresas mineiras, “estásenos negando aos colectivos a información dos expedientes e información destes proxectos, co cal se nos está a negar a posibilidade de exercer os nosos dereitos, podendo denunciar, alegar ou recorrer moitas destas irregularidades e incumprimentos”. Estas negativas de proporcionar información teñen obrigado a colectivos que forman parte de Contraminacción a pedir a aplicación do Convenio de Aarhus, subscrito polo Estado Español e que regula tres dereitos básicos da cidadanía: o acceso á información en materia de medio ambiente, a participación pública na toma de decisións e o dereito á xustiza en materia de medio ambiente.
“Por toda esta situación, para os colectivos que formamos ContraMINAcción é tan importante poder levar esta problemática a todos os foros posibles, as institucións para que interveñan coas súas competencias e esixan a Xunta de Galicia que cando menos cumpra a normativa ambiental existente, e a toda a cidadanía para que coñeza esta situación e que colabore cos colectivos que estamos traballando en parar esta barbarie”, concluíu Margarida Prieto.
Promenorizando na situación da mina de San Finx, tomou a palabra a directora do documental “San Finx 1960”, Irene Basanta, un traballo que, explicou, “poderíase enmarcar dentro de algo do que se comeza a falar ultimamente: a memoria histórica medioambiental, porque non enfocamos a peza directamente segundo a problemática actual, senón que intentamos ir ás súas raíces e rescatar un conflito que quedou esquecido”.
Esta producción relata a ruptura no ano 1960 dunha presa de decantación de residuos das minas de San Finx, arrastrando río abaixo lodos e áridos. “Case non existen rexistros escritos destes feitos. Do pouco que se conserva, refírense a este evento como o desastre ou a catástrofe de 1960. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova rotura. Ninguén quere facerse cargo delas. Pero o relato do acontecido sobrevive na memoria da veciñanza. Para desenterrar esta significativa historia abonda con preguntarlle á xente de maior idade da contorna, especialmente daquelas aldeas que teñen contacto co río que vén da mina, chamado río San Finx / Pesqueiras/ Rabiseiras ou simplemente río da mina, segundo a zona”.
A principal das consecuencias deste desastre ambiental relatada polas veciñas consistiu no arrastre de area inundando as fincas da beira do río, que quedaron inutilizadas, mesmo sendo algunhas delas dos mellores terreos para o cultivo. “Non hai estudos das repercusións que puido ter para a saúde das persoas a contaminación por metais pesados no río naquel momento. Pero a día de hoxe, e segundo constata un informe de 1992 encargado pola Xunta, todos os intentos de repoboar de troitas as augas fracasaron”. En diferentes estudos e analíticas, existe unha diferencia constatable entre os valores obtidos augas arriba e augas abaixo da mina que permiten falar dunha contaminación por metais pesados. Tamén na ría os valores son máis elevados do habitual.
“Alén de non existir rexistros escritos ou noticias en prensa, as veciñas describen como a persoa encargada naquel momento de coordinar as labores da mina manda os operarios a limpar. A inutilización das fincas provoca denuncias por parte dalgúns dos afectados, mais baixo a ameaza, se estes eran operarios da mina, de botalos da empresa. Tamén contan que se falou de indemnizar, pero que as persoas encargadas de mediar coa empresa se deixaron sobornar dalgún xeito”.
Todas estas circunstancias resultan especialmente relevantes considerando a situación actual. A día de hoxe, a presa maior está abandonada, sen mantemento, colmatadas, con fendas nos muros de formigón que conteñen a presa. Asemade, as escombreiras están ao ar libre, expostas á chuvia e fomentando as drenaxes ácidas de mina. Isto representa un risco enorme do que a actual concesionaria, SACYR, non quere facerse cargo.
A mina pechou nos 90, pero no ano 2009 preséntase un novo proxecto para retomar a explotación da mina. Concedéuselle o proxecto sen que houbera ningún tipo de avaliación, e nese novo proxecto xa non están recollidas as presas, polo que a responsabilidade desaparece. “Atopámonos ante unha reescritura da historia que enfronta o relato oficial coa memoria colectiva. Se a día de hoxe rompesen as balsas, as consecuencias serían terribles e, como afirman moitos dos expertos entrevistadas, as consecuencias poderían chegar até a ría de Noia. De feito, a bioacumulación en especies que son explotadas para consumo humano, como o berberecho, nesta mesma ría, aínda que a día de hoxe non represente unha preocupación é un risco patente”, alertou Irene Basanta.
Pere Tobaruela, en representación da Plataforma de Afectad@S pola Destilería de Contimunde situada na aldea homónima do concello de Rois relatou que as emisións desta destilería sonde dous tipos: líquidas e gasosas. As líquidas vehicúlanse a través do río Rois, que transcorre a rentes das instalacións, e as gasosas a través de chemineas. De feito a destilería ten sido sancionada en reiteradas ocasións. “Dende o inicio de actividade houbo varios verquidos lesivos para o río Rois, dos cales salientamos un especialmente grave, no ano 2006, que causou a morte de centos de peixes”.
No que respecta á contaminación gasosa, en determinados períodos do ano vinculados aos ciclos propios do proceso de destilación son emitidos abundantes gases á atmosfera, “algúns días, dependendo das condicións meteorolóxicas, o aire é mesto, cheirento, irrespirable”.
Esta situación vese empeorada polo feito de que a destilería está situada nun val, no que baixo determinadas circunstancias atmosféricas créase un xogo de presións e correntes de aire que fan que o fume, en lugar de subir, baixe case a rentes do chan, polo que as emisións invaden literalmente os fogares e instalacións educativas e sanitarias próximas e, especialmente, unha explotación agraria situada nos arredores. “Hai que engadir que cando o fume se levanta de novo os tellados, campos e horas de uso doméstico aparecen cuberta por unha fina película de po gris. Ademais, na instalación gandeira mencionada apréciase un aumento significativo da mortaldade das vacas, especialmente das crías, o cal lévamos a pensar que tamén teñen que ser significativos os efectos na saúde das persoas”.
Sen embargo, a destilería está a tentar eludir as súas responsabilidades, “durante uns meses do ano pasado instaláronse captadores nas proximidades da destilería para medir as emisións, pero os resultados mantivéronse dentro dos límites legais. A explicación desta circunstancia reside no feito de que os días que o vento ía cara estes controladores a destilería baixaba a produción ou mesmo a paraba se era preciso, provocando a remisión das emisións”.
A Plataforma Veciñal de Sanxenxo estivo representada por Mari Camiña, quen destacou a grande sorte de poseer neste concello ecosistemas de gran diversidade, entre elas zonas catalogadas dentro da Red Natura. Sen embargo, explicou, “a chegada de dúas prantas invasoras: a herba da pampa e a unlla de gato propician que as prantas autótonas vexan reducida a área xeográfica de crecemento”.
Camiña explicou que os programas impulsados para a súa erradicación non están funcionando e as invasoras proliferan de forma profusa por dunas e accesos ás praias. “No caso da herba da pampa, foi introducida na nosa contorna como pranta ornamental para as medianas das autopistas, pero hoxe en día xa se expande por toda a contorna”.
Neste mesmo tramo, dacordo ás directrices do Plan Director de Rede Natura, levouse a cabo dúas fases para a rexeneración dunar, quedando, unha terceira, aprobada e pendente de execución no ano 2009 a cal suprimiría parte do trazado da PO-308, ampliando unha secundaria paralela, coa finalidade de rexenerar as dunas existentes, ampliar a zona de praia, e aumentar a seguridade vial da zona. No ano 2016 deu comenzo unha obra na PO-308, con aportación de fondos FEDER, para o desenvolvemento dun sendeiro peonil ciclista pero que, a pesar de estar no proxecto, non se fixo. Ademais, ao non terse en conta os estudos xeolóxicos da zona, nin a protección natural que propician as dunas, parte do entablado de madeira do paseo saíu voando tres veces. Da última impactou no colexio que hai nas inmediacións; polo que decidiron quitar o entablado e usar unha base de formigón.
“Solicitouse ante varias administracións públicas, a paralización das obras neste tramo mentras non se tomasen as medidas de salvarguada e se fixera un novo estudo de impacto medio ambiental nesta zona de tan alto valor natural e paisaxístico dado o incumplimento das propias medidas de protección sinaladas no proxecto de licitación; pero todas as peticións caeron en saco roto.”
Outras denuncias medioambientais feitas por esta asociación referente a actuacións levadas a cabo pola administración pública son: a tala indiscriminada de árbores de espazos verdes urbanos, e non urbanos, sen un estudo fitopatolóxico previo, e o uso dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente para reducir en 800 metros cadrados a zona verde dun parque urbano na costa, coa consecuente perda de especies arbóreas e cambio no ecosistema existente nunha zona de servidume marítima.
“Todo fai pensar que, o exceso na construcción do espigón do Porto Deportivo, o aumento de pantaláns, en detrimento do uso público das praias nos que se asentaron, a perda de zona verde do parque de A Panadeira, e o proxecto que existe de ampliar paseo marítimo feito de formigón na zona da praia de A Carabuxeira supón un atentado medioambiental cara o ecosistema costeiro de Sanxenxo, coa única finalidade de seguir promovendo unha economía basada na depredación do medio en beneficio da especulación”, resumiu a respresentante da Plataforma Veciñal de Sanxenxo.
A eurodeputada Lídia Senra, pola súa banda, aproveitou tamén a presenza do membro do equipo xurídico da Unidade de Aplicación do Dereito Mediambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, José Manuel Servert, para insistir na necesidade de que se cree “un mecanismo de control exhaustivo da realización de avaliacións de impacto medioambiental”.
Ademais, chamou a atención do representante da Comisión sobre o feito de que “defender os nosos dereitos non pode depender da capacidade económica da que cada persoa ou colectivo dispón para pode iniciar a vía xudicial. Ademais, precisamos que as sancións aos Estados que non cumplen non sexan só económicas, xa que finalmente o Estado emprega cartos públicos para pagalas, procedentes das mesmas persoas afectadas polo incumprimento das directivas por parte das empresas. Queremos que as sancións conleven a rexeneración absoluta dos danos causados e, se procede, indemnizacións ás persoas afectadas”.